sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Homenaxe coral a Pilar Armesto Valiña

Un momento do acto de homenaxe a Pilar Armesto Valiña diante da palloza do Quico no Cebreiro. SEBAS SENANDE
Un momento do acto de homenaxe a Pilar Armesto Valiña diante da palloza do Quico no Cebreiro. SEBAS SENANDE
A exposición sobre Martín de Padrozelos inaugurou este mércores a súa última parada da provincia no Cebreiro e na honra da mesoneira e hospitaleira, que foi lembrada como "pioneira" do Camiño

Contaba Novoneyra a emoción que lle producira descubrir que a casa que aínda hoxe se coñece como a Casa de Martín, na aldea de Padrucelo, era o lugar do que era oriúndo Martín de Padrozelos. A emoción de escoitar aos seus descendentes falando de "o noso Martín", por riba de oito séculos, de constatar a memoria que nos excede.

"Así quedará Pilar Armesto Valiña, Pilar do Cebreiro, na memoria", dicía onte Luís Celeiro, vicepresidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa) e comisario da exposición 'De amor e de amigo. As cantigas de Martín de Padrozelos', que onte culminou no Cebreiro a súa traxectoria despois dun percorrido pola xeografía da provincia que comezou en maio para divulgar as cantigas deste trobador que contribuíu ao florecemento da lírica medieval galega.

"Contabamos con estar hoxe aquí, pero non coa tristura polo adeus de Pilar Armesto Valiña", lamentaba Xosé García Palmeiro, presidente de Apecsa, nun acto que se converteu nunha homenaxe á amiga, veciña e unha das grandes impulsoras do Camiño de Santiago, tarefa que compartiu co seu tío, Elías Valiña.

No acto estivo presente Víctor Vázquez Portomeñe, exconselleiro de Cultura que impulsou aquel primeiro Xacobeo no ano 1993. "O Cebreiro é a porta de entrada do Camiño Francés en Galicia, é a primeira poboación de gran relevancia histórica para os peregrinos. Pero o mérito da súa trascendencia é dos veciños, que souberon facer deste lugar un monumento. E entre eses veciños destaca Pilar, unha muller protagonista nese rexurdir do Cebreiro, unha pioneira que abriu o camiño a outros", comentó.

José María Núñez, presidente da Asociación Santo Grial, tamén lle dedicou unhas palabras nesa homenaxe coral. "Un Cebreiro milagro sostenible, respetando lo que nuestros ancestros han legado, logrando, de la nada, lo imposible", leu este veciño. Á milagre que deu fama ao santuario no século XIV súmase, tamén, a que mudou a paisaxe da aldea no fin do milenio co impulso do Camiño de Santiago, ao que Pilar deu forzas e entusiasmo.

Pola súa hospedería e mesón, a carón da igrexa, pasaron milleiros de peregrinos. A súa fama, bondade e hospitalidade son recordadas hoxe, non só na Montaña de Lugo, senón tamén máis alá. Así o lembrou Manuel López Vázquez, presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, que trasladaba que as organizacións homónimas en Valencia ou en Brasil transmitiran as súas condolencias pola morte de Pilar.

Tivo palabras de "agradecemento polo seu traballo nos últimos anos" o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; Elena Varela, directora do Castro de Viladonga, que destacou a "súa amabilidade"; Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, que lembrou que para Pilar a chegada dos peregrinos era como "a chegada das anduriñas, unha festa".

O alcalde do municipio, José Luís Raposo, afirmou que "vai ser difícil afacerse a que Pilar non estea", e o seu fillo, Luís López Armesto, agradeceu "a todos os amigos que viñeron hoxe aquí".

Para finalizar, a carón da palloza de Quico, onde poderá verse até o vindeiro 11 de setembro a exposición de Martín de Padrozelos, Daniela Zizi e Miguel López Coira, docentes de literatura medieval en Cagliari e na Complutense, fixeron sonar, na honra de Pilar do Cebreiro,a arpa de boca, un instrumento orixinario da China que chegou polas rutas xacobeas.

Homenaxe coral a Pilar Armesto Valiña
Comentarios