Un holandés realiza o seu traballo de fin de máster sobre o rural cervantego

A distancia entre institucións e gandeiros é o que máis chama a atención deste investigador
Sander de Bruin. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Sander de Bruin. VICTORIA RODRÍGUEZ

Sander de Bruin leva mes e medio en San Román de Cervantes, e aínda lle queda outro tanto. Está realizando alí o seu traballo de fin de máster para a universidade de Wageningen (Holanda), a máis reputada do mundo en ciencias da agricultura e socioloxía do medio rural. O seu titor nos Países Baixos viu na cooperativa cervantega A Carqueixa o obxecto de estudo perfecto para a súa investigación. Analizar a súa historia e necesidades é o primeiro paso para máis tarde aportarlle a bagaxe do seu contexto de orixe, de forte tradición cooperativa.

Sander aínda non ten conclusións sobre a mesa, pero non sae do seu asombro ante "a distancia tan grande que percibo entre os gandeiros e os políticos, entre o campo e as institucións", comenta. Esa é para el a grande diferenza con respecto ao medio rural do seu país, onde "é doado falar cos políticos e plantexar inquedanzas e problemas", ou onde as propias cooperativas "están implicadas na xestión medioambiental e reciben fondos para o coidado directo do territorio", comenta. "Pois, no fondo, é o que fan", insiste.

Sander de Bruin incide en que os gandeiros e agricultores son tamén "produtores dunha paisaxe e de biodiversidade"

As súas conclusións non só as extrae do traballo de campo realizado co xerente de A Carqueixa, Román Sánchez, a súa ponte cos gandeiros, senón tamén da análise de documentos. Sorpréndelle, por exemplo, que as normativas da Rede Natura falen de protexer o oso, o lobo ou a determinadas especies sen incidir en que toda esa biodiversidade "é froito do traballo ao longo de centos de anos da xente que vive no territorio, da silvicultura, do pastoreo, da gandaría", indica.

Chámalle a atención a falta de información e de consenso ante esas figuras de protección que para el revelan unha fenda "entre o que os políticos queren para o territorio e o que queren os habitantes, que se acaban sentindo alleos ao mesmo". Neste contexto, a razón de traballar coa cooperativa A Carqueixa dáse en que "son os que están no medio, como interlocutores, entre os gandeiros e políticos", indica.

Por iso, máis alá de producir carne, leite ou castañas, Sander de Bruin incide en que os gandeiros e agricultores son tamén "produtores dunha paisaxe e de biodiversidade", e que o futuro pasa por sermos conscientes diso.

Xornadas de Biogov en Cervantes 
Cervantes acolle este xoves e venres o proxecto de biogobernanza europeo Biogov, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente a través da cooperativa A Carqueixa. De feito, o territorio de traballo da cooperativa é a área piloto deste proxecto en España. 

O xoves, de Balgos a Donís 
Os socios europeos do proxecto coñecen este xoves os lugares de Balgos, Cerredo, Xantes, Donís ou Piornedo, pero sobre todo as persoas que coidan deste territorio, dende os gandeiros que aínda manteñen a trashumancia ata os produtores de castañas nos soutos da zona. 

O venres, paisaxe ancaresa 
As xornadas continúan o venres con charlas sobre a propiedade da terra, a biodiversidade, os prados de altura ou a paisaxe ancaresa. Sander de Bruin tamén participará nestas xornadas, que valora porque "serven de lugar diálogo, para que se escoite a voz da xente que vive no territorio", indica.

Comentarios