Herminio de Fonfría e a trompa

A Foliada da Fonsagrada acolleu este sábado a primeira monografía sobre este instrumento e un dos seus máis singulares tocadores
Herminio Villaverde. FOTO MANUEL
photo_camera Un momento durante a presentación do libro recorda a paixón de Herminio. EP

Foi unha casualidade a que levou ao musicólogo lugués Javier María López canda Herminio Villaverde no ano 1990. Volvendo de Grandas de Salime, un amigo seu, Alejandro Martín Rois, díxolle de parar na aldea de Fonfría, onde había un home "moi interesante". Un ano despois, na véspera dos Reis, volveron con gravadora. Dese encontro resultaron talvez as últimas gravacións de Herminio, que morreu 13 días despois.

Así foi a primeira nota do libro ao que comezou a dar xeito hai cinco anos e que este sábado tivo a súa primeira presentación no museo da Fonsagrada durante a Foliada: Herminio Villaverde. A trompa da Fonsagrada, canda Iria Castro, deputada de Cultura; Xoanxo Molina, presidente do museo; Carlos López, alcalde do municipio; Manuel Fernández, fotógrafo da vila que tirou de anécdotas dese home interesante; Ramom Pinheiro Almuinha, editor de aCentral Folque, e un cento de persoas, entre elas, familiares e amigos de Herminio.

Herminio nunha foto de sesión feita por Manuel Fernández. 1988. FOTO MANUEL
Herminio nunha foto de sesión feita por Manuel Fernández. 1988. FOTO MANUEL

Conta Javier no libro que case por estas datas, un 14 de decembro do ano 1978, Herminio Villaverde aparecía no programa Raíces da Televisión Española -hoxe subido a RTVE Play-, co que Manuel Garrido Palacios percorreu a xeografía recollendo materiais etnográficos nos anos 70 e comezos dos 80. Na prensa, neses días, anunciábase a emisión do seguinte xeito: "Herminio construye y toca un instrumento que él denomina arpa de boca. Música para una aldea de cinco casas", coma se case fose el mesmo o creador do instrumento, unha visión que o programa, en certa maneira, secundaba, explotando o recurso do achádego. "Era o país que era, o momento que era, no que se rompera o elo da cadea con estudos anteriores", indica Javier.

E non, Herminio non inventara o birimbao, a arpa de boca, a trompa, a guimbarda, nomes todos do instrumento. A lámina que aquí sostén cos beizos é de "escala planetaria", como ben di o libro. Presente en case todos os continentes, o seu son tería viaxado de leste a oeste, talvez polos camiños da Ruta da Seda ou polas rutas norteñas. Cando? Non está claro. Pero no século XIV as mans dos anxos sosteñen estas trompas na catedral de Exeter, en Inglaterra, ou, no século seguinte, no Palau Dalmases, en Barcelona. Ata comezos do século XX foi un instrumento ben popular en Europa e en Galicia. Por que non ten o protagonismo doutros no imaxinario musical galego? Por que ese silencio? "Esa é a pregunta, por que unha comunidade opta por uns e non por outros instrumentos, como se constrúe o imaxinario identitario", di Javier.

Un momento durante a presentación do libro que homenaxea a figura de Herminio. EP
Un momento durante a presentación do libro que homenaxea a figura de Herminio. EP

A harmónica, conta o musicólogo, foi substituíndo a trompa, "poñendo os ovos no seu niño". Porén, as montañas orientais de Lugo seguiron sendo caixa de resonancia para ela, e tiveron en Herminio un dos seus grandes tocadores.

Sostida na man, vibrando na boca, a trompa de Herminio tiña un toque especial. Por ela pasaba unha jota a toda velocidade, que ten o rexistro máis parecido nunha jota vaqueira asturiana. "Para entender o repertorio de Herminio, cómpre entender o folclore en León e Asturias, nesa zona que era culturalmente común. O musicólogo zamorano Manuel Manzano chama ao repertorio destes músicos da súa quinta "repertorio de aluvión", pois engloba músicas tradicionais e tonadas de moda, que tiñan que ver co mundo da copla, transmitidas por bandas, por murgas, polos cegos... Unha acumulación de diferentes estratos temporais, e no plano territorial, de melodías vinculadas a zonas de León, de Asturias... Un repertorio que se adapta ao instrumento".

O HOME INTERESANTE. "Seguramente Herminio Villaverde nunca chegou a ver a entrevista de Manuel Garrido Palacios, porque o sinal da televisión tardou en chegar a Fonfría", comenta Javier. De feito, o propio Palacios escribiu pouco despois un ensaio, Aún existen pueblos, cun artigo, "La última aldea", que é Fonfría, onde, dicía, non había luz eléctrica.

O Cazote de Fonfría descansa aquí panzarriba, postura que lle agradou mentres lle durou a vida

As gravacións de Herminio Villaverde volven aparecer no disco La voz antigua, canda as de Emilio do Pando. A partir de aí, participa en máis encontros e entrevistas, tantas veces coa súa dona, Carmen Témez. Porén, a súa morte, xusto no momento no que comezaba o interese pola trompa, fixo que a súa memoria ficase esvaecida fronte a outras figuras. Neste sentido, o libro que se presentou este sábado, a primeira monografía sobre o instrumento en Galicia, faille xustiza.

E aínda que sobre todo está centrado na música, di moito máis daquel home interesante, o Cazote de Fonfría, que compilara non sei cantas formas de morrer en Galicia e que deixou escrito o seu epitafio: "O Cazote de Fonfría descansa aquí panzarriba, postura que lle agradou mentres lle durou a vida".