Gumersinda Freijo, veciña de Carballido, súmase ao selecto club dos centenarios

Traballadora e amiga da conversa, fíxose un oco entre os seus veciños, por iso é fácil vela compartindo contos con eles na Casa do Maior
Gumersinda Freijo, durante a celebración do seu aniversario. EP
photo_camera Gumersinda Freijo, durante a celebración do seu aniversario. EP

A Gumersinda Freijo Fernández en Carballido, na Fonsagrada, todos a coñecen como Gumela. Este venres celebrou os seus cen anos na casa da Forxa, onde reside, rodeada de boa parte dos seus familiares e amigos, ademais do alcalde, Carlos López, e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Fernández. Por tan especial data, recibiu unha placa, flores, bombóns e múltiples agasallos.

Gumersinda, traballadora e amiga da conversa, fíxose un oco entre os seus veciños pese a que naceu no lugar de Gromaz, concretamente na casa de Robledo, por iso é fácil vela compartindo contos e merenda con eles na Casa do Maior, a onde acode sempre que o tempo acompañe, ou lendo os titulares do xornal. Din os que a mellor a coñecen que non perde un.

Esta veterana, e vital, veciña, que adicou gran parte da súa vida aos labores de labranza, casou e tivo tres fillos, Maruja, Lucita e Germán, que lle deron catro netos. Dous deles, de feito, viaxaron desde Bilbao para acompañar a súa avoa no seu aniversario, igual que fixeron dúas sobriñas que se achegaron desde Girona.

Tras a fermosa celebración no fogar, o festexo trasladouse á Casa do Maior, onde con motivo do centenario de Gumersinda se serviron cafés e doces entre os veciños que ata alí se achegaron.

Comentarios