Un grolo do mundo da Fonsagrada

Cervexas Píntega está a piques de lanzar unha nova liña ao mercado inspirada en lugares e xente da comarca, como a Torre de Burón, o mosteiro de Oscos ou Herminio Villaverde
Juan Pablo Ferreiros coa súa compañeira, Sandra Bravo. EP
photo_camera Juan Pablo Ferreiros coa súa compañeira, Sandra Bravo. EP

Os cabalos teñen fama de iren a boas fontes. Iso di Juan Pablo Ferreiros, que llo oíu contar a seu avó, quen fixo a casa onde el, despois dalgunha volta da vida, produce cervexa artesá, no Castro de Fonfría, na Fonsagrada.

De seguro que non é só a boa auga dese manancial o segredo desa bebida que elabora dende o ano 2015 e que xa está ben asentada na comarca e en toda Galicia baixo o nome de Cervexas Píntega. Conta tamén o trigo, de Xinzo de Limia, ou o malte, que lles chega dende Bélxica. Conta tamén o relato, o xeito de contar.

Así, cos ollos postos en abrir outros mercados fóra, Ferreiro chantou os pés aínda máis aquí, e a nova liña de cervexa que está a piques de sacar, de tempos de elaboración máis longos, ten aínda un aceno máis marcado da Fonsagrada.

Para darlle forma aos seus novos produtos, escolleu historias e lugares da comarca. Por exemplo, a historia do mosteiro de Oscos, que tan vencellado está a Galicia polas rutas de peregrinación, e cuxo campanario servirá de imaxe a unha cervexa inspirada nas cervexas de abadía, que veñen da tradición cervexeira monacal da Bélxica. Ou a historia de Herminio Villaverde, Herminio da Fonfría, un dos meirandes tocadores de trompa de boca, ou berimbao.

"A idea é que o simple feito de pronunciar os nomes da cervexa trouxese consigo moitas cousas á memoria, evocase toda unha historia", conta. "Herminio era irmán do meu tío político, e co apoio da familia, a súa imaxe estará na cervexa", engade, no que supón unha homenaxe non só para el, senón para esa terra onde tan importante foi ese instrumento. "Se a cervexa do mosteiro de Oscos lévanos a aromas de repostería, esta está máis próxima do champaña, ten moita chispa", explica.

As novas cervexas a piques de saír ao mercado. EP
As novas cervexas a piques de saír ao mercado. EP

A terceira cervexa á que aínda lle está dando forma levará por nome Torre de Burón, coa imaxe dese emblema do que foi a loita irmandiña na comarca. "Foi destruída polos buroneses, aínda que, despois, os señores mandárona reconstruír", comenta, a raíz das conversas que mantivo con Ricardo Polín sobre este lugar. Neste caso, o seu sabor lembrará o do viño.

"Nós tamén estamos facendo unha revolución, a da cervexa artesá. A cervexa chegou a homoxeneizarse, pero agora volvemos escoller se bebemos co noso xeito, ou co xeito dos outros. Tamén, se antes o poder o exercía a aristocracia, agora son as grandes empresas, e por iso apostar polo artesán é unha maneira de rebelarse en contra diso", engade.

Estas cervexas, todas con oito graos, con moito corpo, tostadas, chegarán pronto aos lugares de comercialización onde Cervexas Píntega xa está asentada, pero irán máis aló. "Como son produtos tan específicos, hai que buscar os clientes", comenta Ferreiro, que buscará a súa presenza noutros países coa distribuidora galega especialista en cervexa artesá. E quen sabe quen acaba por darlle a man a Herminio de Fonfría, ou por catar a fonte dos Mosqueiros.

Comentarios