O gandeiro máis novo da comarca

David de Poso, o cooperativista benxamín da Carqueixa, leva tres anos á fronte dunha gandaría en extensivo en Cervantes, actividade que clama por facer de maneira digna e xusta
David de Poso, cunha das vacas, cruce de asturiana e limusina. EP
photo_camera David de Poso, cunha das vacas, cruce de asturiana e limusina. EP

David de Poso é, con 22 anos, o gandeiro máis novo dos preto de 200 cooperativistas da Carqueixa, e talvez de toda a comarca dos Ancares. "Non é difícil ser novo nisto", di coa ironía que dá a consciencia dos camiños costos de cada día. Non os do Cerredo, o monte mancomunado onde pacen as súas 60 vacas, sempre en extensivo, non. Máis ben, os dun sistema que non favorece a viabilidade das pequenas iniciativas de gandería extensiva, ecolóxicas antes de que ningún selo o certifique -selo que, por certo, a de David posúe-, axentes primeiros de xestión do territorio e da biodiversidade.

David Pérez tomou as rendas da gandaría familiar hai tres anos, logo de cursar a titulación de técnico superior en xestión forestal. Neste tempo, o pulo da cooperativa foi fundamental. Reduciu os intermediarios, "nós recibimos un prezo mellor por xato, e o consumidor non nota tanto a diferenza", comenta, pero sabendo que "estamos lonxe de que eu poida vender a carne a un prezo digno e ti comprala sen esforzo".

VIABILIDADE. A venda directa por internet na páxina de O Sabor dos Ancares e, dende novembro do ano pasado, nunha tenda na Praza de Abastos de Lugo, foron pasos moi importantes de cara á viabilidade, pero tamén de cara á autoestima. A campaña de Gandería Heroica de Oliver Laxe e o mesmo filme O que arde foron unha man dada moi importante. "Deu moita vida", conta David, que foi un dos brigadistas da película.

Porén, os problemas do día a día seguen a ser moitos. "Os prezos suben e, aínda que nós sostemos a produción na casa, temos que desbrozar, temos que dar de comer, temos que sementar... Todo sube, menos o prezo do becerro", comenta David. "Se quitasen as axudas da PAC, por exemplo, non podería resistir», indica, convidando a pensar cómo é posible que unha granxa como a súa non poida ser sostible, cando é modelo de sostibilidade.

"Nós, o que pensamos, é en resistir", asegura David

"Nós, o que pensamos, é en resistir", comenta. Esa resistencia ten un número, a das dous casas -a súa e a do veciño- que se manteñen abertas todo o ano na aldea de Poso, preto do Pan de Zarco, nunha zona moi castigada pola emigración e que xa linda con Asturias e con León. Outro dos números é o das vacas. A cifra media por cada cooperativista é de 25, pois as máis das veces na casa entran cartos doutro emprego. David ten 60, porque é a súa única actividade. "A verdade é que non o poñen doado, parece que todo ten que ser grande e non importan as cousas pequenas", comenta. As idas e voltas para facer un trámite, as estradas, os prezos, a burocaracia en contra, son algunhas das pendentes que sinala.

Porén, David de Poso quixo continuar. "Vou intentalo uns anos máis. Gústame escarmentar a min mesmo", di. A cooperativa e mudar certas cuestións do manexo danlle, si, unha certa esperanza e maior liberdade. "Por exemplo, eu estou tratando de xuntar os partos na primavera ou no verán, porque no inverno dan máis complicacións, á fin de contas temos unha gandería a 1.200 metros", di.

E que se ve, dende alí arriba? "A min gústame a aldea, pero sobre todo gústame non vela abandonada. É o lugar onde te criaches, e medrar aquí só dende pequenín fai que te unas moito á paisaxe e aos animais. Oxalá poidamos continuar", comenta. Oxalá non teña que escarmentar, e o seu nome, David de Poso, siga aparecendo no ticket da carnicería do Sabor dos Ancares en Lugo, "para que non se perda o camín".

Comentarios