lunes. 30.11.2020 |
El tiempo
lunes. 30.11.2020
El tiempo

Unha galería nun hórreo de Navia

Pavel Yakushev e Pedro Álvarez. ALISA SMIRNOVA
Pavel Yakushev e Pedro Álvarez. ALISA SMIRNOVA
Do millo ao ferro é o nome da mostra coa que Pavel Yakushev, o artista do metal ruso fincado na Proba, reivindica un novo uso deste espazo tradicional e centenario da Casa Quiñones

Pavel Yakushev non sabía o que era un hórreo antes de ir vivir a Navia de Suarna coa súa muller, Alisa Smirnova, os dous artistas de Rusia. Preguntábase se esas construcións que tanto abundan nos Ancares serían pequenas igrexas. Non imaxinaba, dende logo, que acabaría expoñendo a súa obra nun deses abraiantes lugares no aniversario da súa chegada, hai pouco máis dun ano.

Tampouco o imaxinaba Pedro Álvarez, ese enxeñeiro industrial que recuperou a súa casa familiar en Barcia para formar o primeiro coworking rural de Galicia. Pero así son os encontros. Hai un tempo, nas mesas gorecidas baixo ese hórreo de madeira da Casa Quiñones, soñaron con isto. Os espazos nin exteriores nin interiores das casas concéntricas dos Ancares dan ás e pés á imaxinación.

Ese hórreo centenario abre hoxe como galería de arte minúscula coa exposición Do millo ao ferro, de Pavel Yakushev. Un título que fai referencia a un cambio de uso nun espazo tradicionalmente utilizado para almacenar cereais, que se abre ao público para acoller a obra en metal deste artista que se deixou seducir por estas terras dos Ancares.

Do millo ao ferro tamén alude ao cambio necesario para que as cousas sigan vivas –segundo conta Pedro–, aos xestos que buscan novas saídas tamén en tempos de covid. No hórreo da Casa Quiñones unha única cadeira recibe pinga a pinga aos visitantes, que poden desfrutar da intimidade do espazo e da arte de Pavel, aínda que as persoas conviventes tamén poderán entrar xuntas. O horario é de 10.00 a 18.00 horas, pero recomendan reservar a cita no teléfono da Casa Quiñones, o 982.36.52.33.

A acollida, segundo contan, está a ser moi boa, e moita xente da zona achégase a visitar a exposición. Pavel Yakushev é xa un artista moi querido en Navia de Suarna, despois de que, canda a súa compañeira, enchesen de arte as rúas da Proba. A forza dos Ancares non só virou a súa vida, senón tamén a súa arte, como poderán ver as persoas que visiten a Casa Quiñones.

O propio espazo é tamén unha obra de arte labrada en madeira, que Pedro Álvarez recuperou con apliques feitos a medida para cada peza. Madeira e metal, a dialogar, coma un día dialogaron Pedro e Pavel, coma quen alí senta para sumarse á conversa.

Unha galería nun hórreo de Navia
Comentarios