Galego con acento latino

Cada vez son máis as persoas migrantes que buscan un futuro na comarca dos Ancares, e cada vez máis as que semanalmente asisten ás aulas de galego que a asociación Rente ao Couce lles ofrece, tanto para facilitar a súa integración como para defender a lingua
undefined
photo_camera Rosario López, Yurani Sarmiento, Luz Nery Bayona, Antom Santos, Flor Ángela López e Yarick Rengifo. EP

Case todas son mulleres, e a meirande parte, hoxe, de Colombia, aínda que polas aulas de galego que a asociación Rente ao Couce ofrece en Becerreá para migrantes pasaron tamén persoas de Venezuela, de Brasil, de Arxentina ou de Perú, como o único home do grupo, Yarick Rengifo.

Dende xa hai tres anos, a entidade ancaresa puxo en marcha este servizo ante a febleza de iniciativas institucionais que permitisen a toda esta xente que vén de fóra achegarse á lingua do lugar onde están facendo a súa vida. E se a lingua é necesaria para acceder a diferentes espazos laborais e sociais, estas persoas son cada vez máis nun municipio á cabeza na comarca en número de poboación estranxeira. De aí este pulo.

Rosario López é a máis puntual nesta mañá do sábado. Xa estaba agardando, co seu caderno, a hora da clase, na academia que Antom Santos, integrante da asociación, ten diante do Concello, onde imparte estas aulas tres veces á semana. O prezo do curso é simbólico, e serve para sufragar outras actividades da asociación.

Para aquelas persoas que non dispoñen dos recursos suficientes, son gratuítas. Nin sempre son as mesmas alumnas nin sempre poden asistir tanto como quixeran, con situacións laborais moitas veces complexas. Pero, nesa pouca marxe que deixa o traballo en moitos casos veñen aquí para dicir 'bos días' ou para saber que a 'tardiña' vén xa cando comeza a caer o sol, como aclara Antom a Flor Ángela López.

Para todas, o galego foi unha sorpresa que se atoparon ao chegar. "E agora... ter que aprender outro idioma!", pensaba Rosario nun inicio, pois non foi doado tampouco o camiño ata aquí. Así e todo, hoxe ela quéixase de que, cando pon en práctica o galego que vai aprendendo, lle respondan en castelán. "Se non percibo algún significado podo preguntar sen problema, pero se eu mesma intento falar en galego claro que me gustaría que me respondesen en galego, e aprendelo", di. Dalgún xeito, ese xesto é tamén como chamar á porta, e responder en galego sería abrila, deixar entrar aos outros na propia lingua, unha forma de hospitalidade.

Pero é que, ademais, o galego é unha das competencias clave esixidas para a obtención dos certificados de profesionalidade. De feito, algunhas destas persoas chegaron a estas aulas de Rente ao Couce a través dunha traballadora social, para formarse para adquirir un deses certificados que expide a Xunta logo de pasar por unha formación específica, sempre nas cidades, ou por un exame. "É que gran parte da nosa formación en Colombia aquí non ten validez", comenta Luz Nery Bayona, que está pensando nestas probas para ela e para a súa filla, Yurani Sarmiento, as dúas na clase.

Servizo público

"Como viamos que apenas había iniciativas para ofertalo, pois decidimos dar un paso dende a asociación", subliña Antom, que tamén destaca o reto que supón hoxe para a lingua facer ponte con todas estas persoas migrantes que, se cadra, son as máis nesta mañá do sábado en calquera cafetería de Becerreá. "É un reto que estas persoas abracen o galego", comenta.

De feito, unha única persoa, un 'bos días' ou un 'vémonos á tardiña' pode mudar todo o comportamento lingüístico dun grupo de xente. Flor Ángela conta, nese sentido, que o feito de ela estar aprendendo galego fai que mude a tendencia na casa na que traballa. "Agora falan galego por min", di, entre risos, pero o riso non quita o que hai de certo na súa afirmación, no poder que ten un único xesto. Por iso, para asociación, ten tanto valor o seu.

Por outro lado, no día a día dos seus traballos precisan da lingua, pois a meirande parte, no caso das mulleres, coida de persoas maiores galegofalantes. Saber cal é esa cor á que chaman 'vermello', como tiña Flor Ángela apuntado no seu caderno de dúbidas; ou que "querer deitarse" quere dicir xa querer ir durmir, como aclarou Rosario, ou o susto que levou Luz cando soubo o que significaba morrer'. pero tamén o alivio de saber que unha queixa dese tipo pode non ser para tanto.

En fin, todo o que a lingua enfía e todo o espazo común que tece. Se, ao final, para elas, é a lingua máis estandarizada dos formularios e dos pesados papeis a que menos se entende, aínda que sexa compartida. "Sorte que en moitos sitios hai xente disposta a axudar", indica Flor Ángela.

As aulas en Becerrerá, segundo conta Antom, céntranse fundamentalmente na lingua, nun galego práctico que permita a comunicación diaria e nas dúbidas que sempre xorden no cotiá. Ás veces, tamén, o espazo dá para conversar, pois é un punto de encontro para persoas que, con experiencias máis ou menos compartidas, non dispoñen doutro. E porque falar de linguas, ao final, é falar de nós.

"Eu non teño moita morriña de Lima, porque teño a familia aquí", comenta Yarick, e o seu profesor sorrí, con certo orgullo, desa 'morriña' tan ben traída. A el gústanlle moito as linguas, e amenta o mapuche, o aimara, algúns dos moitos idiomas peruanos que nos recordan que os mapas políticos non coinciden cos lingüísticos, mentres elas falan dos distintos dialectos do español bogotano ou llanero, desa tendencia das linguas á diversidade.

Aquí tamén se lles podería dicir que 'rente ao couce' noutros lugares da comarca pode ser "rente ao pé", pero que en calquera caso significa segar ben, achegarse ben á terra. Do lado da asociación, do lado dos alumnos, é iso o que se quere facer.

Comentarios