Son as sete menos cuarto da tarde e no Cebreiro tocan as campás para que os peregrinos se acheguen. O santuario axiña se enche cun silencio que rompe Tchaikovsky co seu Lago dos cisnes, o piar dos paxaros e o murmurio da auga, unha forma de evocar, di frei Paco, todo o que os peregrinos levan visto durante a subida aos Ancares. Dá pé tamén a unha misa da que case todos os presentes xa oíron falar. Traen expectativas altas, di unha camiñante antes de adentrarse no templo, pero o frade recórdalle que todo depende dela.
Francisco Castro Miramontes chegou ao Cebreiro no inverno de 2017. "Nevaba, non había apenas peregrinos e eu, un urbanita, preguntábame: que fago aquí?'". A resposta deulla un peregrino ao pouco tempo: "Era un rapaz de Málaga que chegou aquí cun can porque nos albergues do Bierzo non puido quedarse. Seguiu camiñando coa idea de que no Cebreiro tería onde quedar, pero é que viña ao bordo da hipotermia. Aí foi cando souben que facía eu aquí. Era socorrista de peregrinos".
Por iso as portas da igrexa de Santa María están sempre abertas. Desde primeira hora da mañá, cando o frade se ergue, ata a última hora da tarde, porque o que el pregoa é "a espiritualidade de portas abertas". "É importante que o peregrino se sinta aquí coma no seu fogar", así que para conseguilo, tira de idiomas. Ata en 30 linguas, entre elas o árabe, o hebreo, o chinés ou o coreano, chega a dar a bendición posterior á misa. "Que a miles de quilómetros alguén te estea esperando para falarche na túa lingua sobre o amor e a paz, emociona. Hai moitos que choran", conta un franciscano que xa acollía peregrinos na súa cidade natal, en Santiago de Compostela, no convento de San Francisco.
Agora, frei Paco forma parte da paisaxe do Cebreiro, á que califica de "aldea universal" e desde a que cura "as feridas da vida, que as temos todos en todo o mundo". Sobre esas feridas escribiu xa un libro, coas que atopou en Compostela e coas do Cebreiro. Faino "para que non se perda a memoria".
Está seguro de que o Camiño se fai sempre buscando algo e para baleirar a maleta emocional. Un peregrino brasileño, relata, contoulle tempo despois de chegar a Compostela que por fin descubrira para que lle serviu: "Para ser mellor persoa".
Iso tivo que ser o que atopou el no seu primeiro Camiño, alá por 1989, cando non había albergues e lle tocou "durmir nunha palloza e, en Triacastela, nun galiñeiro". Coñeceu o Camiño "salvaxe, o auténtico", no que para gardarse da chuvia empregaba un plástico para cubrir a roupa tendida e nos pés, bolsas atadas coas que protexer o calzado.
Aquela andaina foi parte da resposta ás inquedanzas por facer un mundo máis xusto que a carreira de Dereito non lle resolveu. "No meu tempo libre dedicábame á obra social, iso é unha escola, pero non me acababa de encher", narra, "e calquera decisión tomábaa mirando as estrelas desde o monte Gaiás". Todo derivou en acabar sendo a man amiga que atopa o peregrino na porta de entrada a Galicia.
Tamén a aperta, as que daba antes do covid a cada un dos que pasaban pola súa misa. "Abracei máis de 40.000 persoas ao longo da miña vida", conta, e neses intres é cando moitos sandan feridas. Algunhas fondas, moi fondas, para as que frei Paco habilitou un pequeno altar no que quedan os recordos aos mortos de cadaquén. "No Camiño hai unha linguaxe santiaguista, que non é o inglés, é a mirada", di para explicar de onde sae a enerxía do Cebreiro: "A que trae cada un".
Francisco Castro non se queda só na espiritualidade do propio santuario e do seu simbolismo ao longo da historia e da literatura, fala tamén da contorna, "un observatorio natural", das dúas estacións, "a de frío e a de menos frío" e da sensación que o rodea, a de sentirse "sempre acompañado e sempre rodeado de estrelas".
Fotografía
"Afeccioneime á fotografía aquí, observando", confesa. No Cebreiro viu o arco da vella de mil formas, os primeiros raios do sol entrando con forza polas tres estreitas ventás do altar ou unha gota que ten dentro o santuario.
No Gaiás
Conta que o hámster de cando era neno, Titiño, está enterrado no Gaiás e sobre el levantouse a Cidade da Cultura.