Un foucín para Xabier Moure

O integrante de Patrimonio dos Ancares recibirá este recoñecemento de Rente ao Couce na próxima Feira do 12 en Becerreá "polo seu incansable traballo de recuperación do patrimonio"
Xabier Moure. EP
photo_camera Xabier Moure. EP

Cando Xabier Moure (Ourense, 1960) se estableceu en Becerreá, cousa que fixo para achegarse máis ás terras dos Ancares cando lle xurdiu a oportunidade no traballo, non había constancia da existencia de ningún petróglifo na comarca. Por iso recorda aquel momento con especial emoción, cando cedeu por fin á teima doutros integrantes do colectivo Patrimonio dos Ancares de achegarse ata alí, a aquelas penas da Campa do Barreiro, en Cervantes. "Eu desbotaba esa posibilidade porque pensaba que en mineral tan duro como é a cuarcita era moi improbable que houbese petróglifos", comenta. Pero alí estaban: máis de cen cazoletas, coma ollos abertos sobre o outeiro dende a Idade do Bronce. "Foi incrible, incrible saber desa presenza alí", recorda hoxe aínda con emoción.

Moure sitúa nese intre o fito dunha andaina que o levou, a el e ao colectivo ao que pertence, a catalogar preto dunha trintena de petróglifos na comarca -todos, agás un nas Nogais-; unha trintena de castros dos 140 que hai nos Ancares; e máis de 60 mámoas das 100 que se encontran nos seis concellos. En definitiva, a mudar o mapa da prehistoria nas serras orientais de Lugo.

Por este labor -que tamén se estende no país con centos de bens catalogados-, Xabier Moure recibirá o vindeiro día 10 de decembro en Becerrá o Foucín de Honra co que a asociación Rente ao Couce recoñece a aquelas persoas ou asociacións que desenvolven "un traballo imprescindible para a comarca". Será ás 13.00 horas na casa do Concello e no contexto da celebración da Feira do 12.

Nas redes da asociación, Rente ao Couce destacaba "o seu incansable traballo de recuperación do noso patrimonio". A Patrimonio dos Ancares débese a localización do desaparecido cenobio de San Salvador de Cancelada; a solicitude da consideración de Ben de Interese Cultural para o Castro de Santa María en Cervantes, que foi resolvida nun tempo récord; o impulso inicial da Vía Künig, e a súa promoción en Santa María de Penamaior con música medieval; a teima para que o Bispado recoñecese que a imaxe da Virxe do Cebreiro era falsa, dos anos sesenta e non do século XII -cousa que fixo para este medio en 2019-, e un longo etcétera, sempre co afán de "tratar con rigor o patrimonio", indica. Para el, "este recoñecemento para o colectivo é moi emocionante, por vir dunha asociación de aquí, que traballa arreo, como é Rente ao Couce", indica.

Traxectoria

Patrimonio dos Ancares botou a andar no ano 2011 con media ducia de persoas, ás que se foron sumando moitas outras ata chegar, a día de hoxe, á trintena. Esta colaboración permitiulles abarcar tamén o patrimonio da época medieval, que deixou na comarca castelos e igrexas dun singular románico que "precisan dunha conservación urxente", como veñen reclamando a respecto das torres de Doncos e Torés, entre outras.

A diversidade de perfís dos colaboradores abriu a porta a atender tamén o patrimonio inmaterial, como a toponimia ou as lendas, e a memoria histórica, con investigacións sobre a represión fascista na comarca.

Pero, ademais de mudar os mapas, o traballo de Moure e do colectivo mudou tamén os pensamentos. "Nos comezos as catalogacións eran problemáticas, a xente tiña reticencias, o que tamén era normal, pola falta de información ou os intereses duns poucos. Agora son os mesmos veciños os que se dirixen a nós cando atopan algo", conta. Neste sentido, o traballo tamén se deixou notar nas innúmeras andainas, roteiros ou charlas que cada día se enchen. "Sempre estamos a tope, á xente interésalle o patrimonio", di, polo que reclama máis implicación ás administracións, sobre todo "aos concellos, pois o que lles pedimos é ben pouco: sinalizar ou limpar os bens que imos catalogando", afirma. Bens que, de non seren sinalados por el e polo colectivo, deixarían de falar.

Tamén da Feira do 12, na que recibirá o foucín, ten investigado Moure, que conta que hai rexistro documental dela dende o 1525, que no 1752 aparece ubicada en Penamaior no Catastro da Ensenada, e que ten nas súas mans o libriño encadernado en vitela no que os curas apuntaban canto cobraban por cada posto. Logo de ter feito todo o que ten feito, que non fará Xabier Moure cun foucín.

Comentarios