A FOP tranquiliza as zonas oseiras de Lugo logo do ataque do oso en Asturias

A entidade formou a axentes medioambientais da Xunta de Galicia a través do proxecto Life Oso Courel para espantar o animal no caso de que se achegase ás aldeas de maneira reiterada
undefined
photo_camera Un exemplar de oso pardo. EP

O dramático ataque dun oso pardo a unha veciña de 75 anos o domingo pasado en Cangas de Narcea volveu poñer enriba da mesa o debate da coexistencia coa especie. Trátase do primeiro ataque que se produce en Asturias dende que a Fundación Oso Pardo (FOP) comezou a rexistrar estes incidentes no 1988, o noveno dende entón na Península. Días despois do mesmo, sen restar gravidade á situación e xa coa veciña evolucionando de xeito favorable, a entidade lanza unha mensaxe de tranquilidade ás zonas oseiras de Lugo.

Confirma Fernando Ballesteros, membro da FOP e coordinador do proxecto Life Oso Courel, que o ataque a esta veciña, que daba un paseo nunha vía, é excepcional. Os oito ataques rexistrados anteriormente foran motivados por algunha imprudencia, como seguir as pegadas do oso até a súa gorida, ou deixar que un can seguise o seu rastro. "Neste caso, a señora non fixo nada fóra de lugar. Foi unha moi mala casualidade", indica Ballesteros.

Avanzados os días, sóubose que o oso non era especialmente agresivo, e que o ataque se debeu a un encontro súbito e inesperado. Logo de constatar que o oso non perseguiu á muller, nin se cebou con ela, confírmase que, coma nos casos anteriores, "non ten condutas de predación e que os ataques son actos defensivos por sentírense acurralados. Atacan con forza contida", indica Ballesteros.

A entidade reitera que o oso non ten condutas predadoras, que os ataques son defensivos por sentírense acurralados

Porén, os cambios na percepción do animal e tamén na paisaxe motivan que se acheguen cada vez máis ás aldeas. "O oso sempre comeu froita preto das aldeas, por exemplo, pero antes achegábase de noite", indica Ballesteros. O abandono das terras acurta a distancia entre osos e humanos, ben sexa porque agora moita froita fica sen recoller, pola falta de desbroces ou por seren menos os cans a ladrarlle.

A maior sensibilidade dos humanos fai que perda certo medo, logo de anos de sermos percibidos como ameaza. "O oso moitas veces ten máis medo doutros osos no monte, e achégase", comenta. Hoxe, en lugar de atopar, por sorte, unha escopeta, hai quen lle grava un vídeo.

ACTUACIÓNS EN GALICIA. Porén, Fernando Ballesteros comenta que en Asturias e en León os axentes forestais xa interviñeron varias veces cando o animal se achega aos humanos. Pirotecnia, balas de goma e, nun último caso —que nunca chegou a acontecer—, a retirada do animal da zona son as medidas contempladas para espantar o oso.

En Galicia, comenta, non foi necesario poñelas en práctica. Porén, dende Life Oso Courel si formaron a axentes medioambientais para ter as ferramentas necesarias adaptadas á realidade galega, de ser preciso. Ballesteros estima en 15 os exemplares machos que pode haber entre Ancares e O Courel, pero indicando que a cifra pode ser maior. Porén, polo momento, inda non hai femias reprodutoras asentadas no territorio, e só unha oscilante nos Ancares entre Lugo e León. Inda queda moito, por tanto, para o asentamento do oso en Galicia.

Como actuar e que actitudes evitar no caso de atoparse cun oso pardo no camiño?
Inda que o ataque á veciña de Cangas de Narcea foi excepcional, a Fundación Oso Pardo ten realizado tarefas de divulgación, nos territorios nos que a especie está presente, para saber como reaccionar ante o encontro cun oso. 

En primeiro lugar, e para evitar o encontro, Ballesteros insta a levar sempre os cans atados; do contrario, poden eles mesmos seguir o seu rastro e meterse na súa gorida. Tamén recomenda evitar zonas pechas do monte. 

Se o encontro se produce, cómpre evitar correr ou gritarlle. O mellor é retirarse despacio, sen perdelo de vista, e sen facer movementos bruscos. Se avanza cara á persoa, é preciso falar, pero non en voz moi alta e tamén sen movementos bruscos nin dirixirse cara el. 

A FOP resalta a importancia de non acurralalo, e indican que, se ten unha vía de escape, fuxirá. Tamén é fundamental non interpoñerse entre a nai e as crías ou achegarse a estas últimas semellando que están solas, pois a nai pode atacar para defendelas. No caso de ir de caza e atopalo, non se debe disparar ao aire. 

Se todas estas medidas non funcionan e o ataque se produce, os expertos aconsellan tumbarse boca abaixo ou en posición fetal e permanecer inmóbil e protexer a cara e a cabeza. 

No caso de ir en coche, é importante reducir a velocidade ou parar e acender as luces para que o animal saia da estrada, e evitar perseguilo.

Comentarios