viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

Os fonsagradinos Clo Plas lanzan o seu primeiro traballo, 'bafi'

Xiana Arias e Berio Molina son Clo Plas. EP
Xiana Arias e Berio Molina son Clo Plas. EP
Xiana Arias e Berio Molina presentan catro cancións "atravesadas pola oralidade, as historias e a memoria da zona da que somos"

Os fonsagradinos Xiana Arias e Berio Molina son os compoñentes de Clo Plas, unha proposta experimental na que "mesturan rap e pop de baixa fidelidade, cancións atravesadas pola oralidade, as historias e a memoria da Fonsagrada". O seu primeiro traballo leva por nome bafi.

Clo Plas lanzaron en 2020 un dos temas que agora inclúen neste traballo: Paxarín pin pin. "A boa acollida daquel artefacto foi a que nos animou a seguir creando”, apunta a Xiana Arias. Agora, a aquel Paxarín pin pin, súmanse outras catro cancións. "Todas elas atravesadas pola oralidade, as historias e a memoria da zona da que somos, a Fonsagrada".

O novo sinxelo é Levol, "unha canción bailable, chea de humor pero tamén de nostalxia" sinala Xiana. A maioría das cancións de Clo Plas son como soliloquios, coma monólogos.

"En Levol a voz di 'Levol e cando volvas traismol que... cando has volver?', e o tono no que se di esa última frase evidencia o baleiro, a perda, esa nostalxia das casas e das aldeas cheas de xente coas que nós medramos".

O traballo complétase coa popeira Herzog –unha canción sobre o medo ao infinito, unha mestura entre soño e pesadelo– con Laverca  –un recitado hipnótico e envolvente– e con Non podo –unha canción sobre os recordos e ansiedades recorrentes–.

O disco está gravado e producido por Hevi no Laboratorio Soyuz, foi editado ao abeiro da Regueifa Plataforma 2.0 e forma parte do catálogo da distribuidora Urdime. A portada e arte é da autoría de Mariña de Toro.

Este sábado 14 de maio, Clo Plas presentará bafi en Compostela, na programación da Festa do 17 que se fai o 14, a festa das Letras da Gentalha do Pichel. Farano a partir das 9 do serán nunha celebración na que tamén soarán O Rabelo, Brassica Rapa, Kansome e Dj Russ. 

Os fonsagradinos Clo Plas lanzan o seu primeiro traballo, 'bafi'
Comentarios