A Foliada volve desbordar A Fonsagrada

A Foliada tivo como protagonista da súa segunda xornada a homenaxe ao mestre do folk Kepa Junkera
Asistentes á Foliada, nun dos bares da localidade. SEBAS SENANDE
photo_camera Asistentes á Foliada, nun dos bares da localidade. SEBAS SENANDE

O referente da música folk Kepa Junkera foi este venres o protagonista na Fonsagrada, que continúa repicando por todo o alto coa súa Foliada tras un primeiro día apoteósico. O artista bilbaíno, retirado da escena tras sufrir un ictus en 2018, recibiu o agarimo da Montaña na presentación do seu libro Berpiztu en terras galegas.

Junkera delegou no artesán Alberto Oliveros a lectura dun breve discurso. "Os quiero dar las gracias a todos por estar hoy aquí, os recordaré siempre. Por si acaso, o butelo e o pastel da Fonsagrada harán su trabajo", sinalaba o músico facendo gala do seu particular sentido do humor e incluíndo termos en galego. Unhas palabras de agarimo que deron comezo ao acto de presentación en Galicia de Berpiztu, un tomo no que máis de 40 artistas plasmaron de forma gráfica a carreira musical de Junkera, desde os seus comezos ata decembro de 2018, cando desapareceu dos escenarios a causa dun ictus severo.

"Este tomo é marabilloso: en pouco representa moitísimo. É un percorrido espectacular e que pon en valor a traxectoria dun músico trascendental no folclore vasco", comentaba o músico Sergio Alba. Junquera escoitaba estas palabras visiblemente emocionado e abrumado ante a cantidade de xente que se achegou para adquirir o libro e recibir a súa sinatura.

Foron moitos os momentos de conexión do mestre vasco co seu público ao longo do acto, que tivo o seu momento álxido co agasallo dunha regueifa por parte de Eva, cantareira de Ribeira de Piquín. "Viva Kepa, que Kepa viva" foi a consigna máis coreada durante os cantos, acompañados por unha muiñeira que arrancou máis dun baile.

A cita contou ademais con representación da deputada de Cultura, Iria Castro; o músico Xurxo Souto e membros da asociación organizadora da Foliada, Petapouco e a Destempo. Foi precisamente o seu presidente, Adrián Méndez, quen quixo destacar a contribución de Junkera ao "tradi" en todo o país e, en concreto, "á cultura galega".

Unha sucesión de homenaxes que tiveron o seu punto final coa actuación a cargo de Polavilak, que puxo o ritmo coas músicas máis recoñecidas de Junkera. Os concertos do grupo asturiano L-R e do portugués Omiri foron os encargados de pechar a xornada deste venres, poñendo a todo o público en pé ao son da mellor música do panorama "tradi".

 As outras protagonistas do segundo día da Foliada foron Isolina, Lucita, Lola, Oliva e Manolo, catro mullleres e un home que se encargaron de conservar o baile da Fonsagrada ao longo dos anos.

Sentados á fronte da sala de actos da casa consistorial, as bailadoras amosáronse conmovidas ante tal recoñecemento e aseguraron que "aínda estaban para botar un ou dous bailes máis".

Sentimento que comparten desde Petapouco e a Destempo, pois os seus membros explicaron o "especial" que é celebrar a vida e traballo de cinco persoas que pelexaron por manter viva a cultura da zona. "Grazas a elas temos hoxe esta Foliada", destacaron.

Aínda que a localidade viviu dúas xornadas "apoteósicas" da Foliada, o groso desta oitava edición espérase para este sábado, con previsións de alcanzar os 4.000 visitantes.

O último día de celebración abrirase ás 11.00 horas coa feira de artesanía. Media hora despois terá lugar a presentación do libro Herminio Villaverde. A trompa da Fonsagrada no museo etnográfico, e no mesmo lugar, pero ás 12.30, presentarase Birimbao, de Cervexas Píntega.

O vermú polavileiro será un dos pratos fortes da xornada, coas actuacións de Alana ás 12.00 e Caamaño e Ameixeiras ás 13.45. Xa ás 17.00 horas terá lugar na carpa dos concertos o obradoiro de baile foliadeiro e ás 18.00, na casa do concello, o programa especial de Faiado Podcast.

A partir das 21.30 será a quenda das actuacións de Irmaus da Raia Seca e Tiruleque, mentres que o cantareiro Mondra será o encargado de pechar a Foliada.

Comentarios