A Fonsagrada, a piques xa de ser As Neves

A directora Sonia Méndez ultima na vila a rodaxe dun filme de protagonismo adolescente que a Xunta apoiou con 260.000 euros ► Os membros do equipo de produción levan xa un mes enteiro nun municipio onde afirman sentirse "moi ben acollidos, coma na casa"
Visualización en directo dunha escena, coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. XESÚS PONTE
photo_camera Visualización en directo dunha escena, coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. XESÚS PONTE

"Todos os tempos tempiños son, pero a neve é gran prisión", dise na Montaña. A realizadora Sonia Méndez é de Vigo, pero veu á Fonsagrada precisamente buscando ese cerco da neve para unha película na que a desaparición dunha adolescente coincide cunha grande nevarada. A vila, no seu filme, chámase As Neves, igual cá súa avoa. Neves próximas dunha estética e dun tempo lento que vai coa película, e que até os veciños da Fonsagrada botan de menos. A unha semana de finalizar a rodaxe, seguen esperando por esa brancura. "Volveremos cando neve, para rematar", comentaba este luns a directora durante a visita de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, e Jacobo Sutil, director de Agadic.

Rodaxe da película As Neves, na Fonsagrada
O día a día ► Despregue de medios
As rúas da Fonsagrada xa estiveron cortadas para filmar en varias das localizacións da vila, como a igrexa ou o instituto. Tamén se utilizou unha máquina de neve en varias escenas.


A conversa sucede no antigo edificio de Correos, deshabitado até que a produtora –Cósmica Filmes coa colaboración de Aquí y Allí Films– fixo do primeiro un estudio, e do segundo a casa dos pais da mellor amiga da rapaza que desapareceu. "Tiña ganas de traballar con adolescentes, con esa enerxía que teñen. Tamén porque penso que no cinema galego non hai apenas referencias de películas adolescentes, que os adolescentes poidan ter de referencia en galego", indica Méndez.

Mediática ► A vila xa está afeita ás cámaras, logo dun mes no que a rodaxe coincidiu co protagonismo nos medios pola lotaría de El Gordo

Para reunir ese ramiño de xente moza fixeron cástings por todo o país, co único requisito de que os aspirantes falasen en galego. "Non tiña ningunha expectativa de que me collesen, de feito eu fun ao cásting acompañando unha amiga, pero aquí estou, aprendendo moitísimo. Teño moi boas mestras", conta Andrea Fernández, que interpreta á mellor amiga da desaparecida, mentres se prepara para a rodaxe dunha escena. "É o teu primeiro traballo en cine?", pregúntalle Román Rodríguez. "En cine, e en todo!", responde ela.

Rodaxe da película As Neves, na Fonsagrada
Escenario ► Unha casa con todo detalle
A vivenda onde se está a rodar parte do filme foi montada de cero nun piso baleiro no edificio coñecido como a Casa de Correos. Todo foi alugado ou mercado para crear este espazo.


No edificio non para de moverse xente para ter todo a punto. "Así son as rodaxes", comenta un colega de profesión. Unha colmea, cada quen coa súa función específica; un despregue, dende a máquina de coser na que ultiman o vestiario para Luísa Merelas, que se incorpora hoxe no papel de avoa de Andrea, até o camión xerador eléctrico aparcado na rúa.

Elenco ► O grupo de adolescentes que protagoniza a película está formado por actores non profesionais. Os adultos si son veteráns.

"Trátase da primeira rodaxe do ano, á que a Xunta destinou un total de 260.000 euros", comentou Rodríguez, que destacou, como "virtudes da película", á mesma directora, "unha profesional cunha grande traxectoria", así como o impacto económico, as localizacións ou a temática. "Vivimos un momento de ouro para o audiovisual galego", comentou Rodríguez.

Rodaxe da película As Neves, na Fonsagrada
Dirección ► Unha das protagonistas
Sonia Méndez destaca a boa escolla do elenco de actores non profesionais. "Acertamos", comenta no camerino montado para a rodaxe mentres repasa a escena que están preparando.


Todos entran na habitación onde a directora ve, na pantalla, o ensaio da seguinte escena. Un sorriso debúxaselle na cara ao ver como Andrea colle o teléfono para chamar a outra rapaza da cuadrilla. Lonxe, a xanela, esas fugas do plano que os levaron ata aquí, a esta vila na que, onde queira que se mire, sempre se ve de lonxe A Montaña.

Finalización ► A estrea do filme está prevista dentro dun ano, pero antes teñen aínda que rematar unha filmación na que agardan pola neve

Convivencia
A vila, con 60 persoas máis
O equipo da película As Neves leva un mes enteiro na vila fonsagradina. Trátase dun total de 60 persoas, repartidas en hoteis, hostais e pisos alugados que "transformaron neste tempo a paisaxe da vila", segundo contou onte o rexedor local, Carlos López.

"Toda a vila estivo moi a favor de ternos aquí. Eu, pola miña parte, estou encantada, como na casa", comenta Méndez. Se ben a rodaxe empezou hai tres semanas, previamente houbo outra de preparación, e xa estiveran na vila con anterioridade, para establecer localizacións e facer unha convivencia cos actores mozos.

Sostible
"Estamos a facer unha rodaxe sostible", comenta Nati Juncal, produtora executiva. "Todo o cátering é da Fonsagrada. Encargámolo en sitios diferentes do municipio, para que estea repartido", indica. Tamén resalta que, durante a rodaxe, non se utilizou plástico.

Localizacións
A meirande parte da rodaxe tivo como localización fundamental a vila fonsagradina. Tamén filmaron nunha gandería en Río de Campos, na parroquia pontenovesa de Bogo.

Comentarios