A Fonsagrada homenaxea os migrantes

O fonsagradino Ernesto Lagarón Vidal (Veigas de Piñeira, 1951), un dos promotores da Agrupación Cultural Galega Saudade de Barcelona, foi o protagonista nun acto celebrado este sábado na casa do Concello en lembranza do seu labor
photo_camera Acto de homenaxe a Ernesto Lagarón. XESÚS PONTE

Ernesto Lagarón Vidal (Veigas de Piñeira, 1951) recibiu este sábado unha sentida homenaxe na casa do Concello da localidade, co gallo da celebración da XXIII Mostra Folclórica, pola súa traxectoria como promotor e primeiro presidente da Agrupación Cultural Galega Saudade.

Esta asociación foi fundada en Barcelona en 1982 por un grupo de migrantes para defender a identidade e a cultura galegas lonxe da súa terra, desenvolvendo múltiples actividades de divulgación e dinamización entre os seus socios e o público en xeral.

O seu primeiro presidente sería Ernesto Lagarón, quen durante décadas levou a cabo un "inmenso traballo a prol do galego" na cidade condal, invitando a importantes personalidades do ámbito cultural e político como Jordi Pujol, entre outros. Ademais, traballou na fundación da Federación de Entidades Galegas de Cataluña. No ano 2001 recibiu a medalla de Galicia que outorga a Xunta e, en 2003, foi nomeado galego do ano en Cataluña por parte do Foro da Terra Galega de Barcelona.

Todos os presentes neste emotivo recoñecemento –familia, amigos e personalidades da política local e autonómica– coincidiron na necesidade de lembrar o papel dos migrantes que representaron o seu pobo no exterior, así como en lembrar a importancia que tiveron, e teñen, as asociacións galegas que seguiron coa súa actividade desde lugares dispares, a pesar de todas as dificultades.

Manuel Valdés, un dos socios fundadores da Agrupación Saudade, só tivo palabras de agradecemento cara a Ernesto polo seu traballo "sen descanso", e ao Concello pola iniciativa: "Foi un gran acerto homenaxear a Ernesto, un gran defensor da Fonsagrada".

Acto de homenaxe a Ernesto Lagarón. XESÚS PONTE
Acto de homenaxe a Ernesto Lagarón. XESÚS PONTE

Outro dos alí presentes, o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, lembrou a figura de Lagarón, como un "exemplo a seguir", e afirmou que un tributo así é "honrar a historia de Galicia, que non se fixo só no territorio galego, senón que se levou a cabo en moitos lugares do mundo". Tamén felicitou ao Concello por "facer xustiza" con este evento.

Pola súa parte, o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, quixo agradecer a presenza de tódolos convidados e a Ernesto Lagarón polo seu labor. "Grazas por levar á Fonsagrada sempre por diante", manifestou. Tamén destacou o seu talante, "o dunha persoa aberta e sempre disposta a traballar por e para Galicia e Saudade".

O protagonista, Ernesto Lagarón, aproveitou o momento para lembrar "o importante que é defender a nosa lingua alá onde vaiamos". "Tiven que marchar a Barcelona, pero nunca esquecín as miñas raíces", dixo. "A integración foi doada porque alí somos moitos galegos, comprometidos en todos os ámbitos e moi presentes nas institucións. Ademais, nunca tiven problemas por falar no meu idioma", salientou.

Asemade, destacou o fito que supuxo a creación do colectivo Saudade naqueles "tempos difíciles". "Sen formación nin moitos cartos, fomos a primeira entidade galega en conseguir un patrimonio inmobiliario propio na cidade, grazas á axuda dos nosos socios". "Estou moi orgulloso do traballo que fixen e enormemente agradecido por esta homenaxe", concluíu Ernesto.

Homenaxe a Ernesto Lagarón. XESÚS PONTE
Homenaxe a Ernesto Lagarón. XESÚS PONTE

Mostra folclórica

A 23 edición da celebración que organiza Antaruxas e Sorteiros regresou este ano cun pasarrúas vespertino no que participaron diferentes formacións musicais –chegadas de León, Asturias ou Ciudad Real–, e continuará este domingo ás 12.00 horas coa actuación do cuarteto de gaitas Illa Pancha, de Ribadeo.

Comentarios