Na Fonsagrada anúnciase en galego

Xosé Molina (enriba á dereita) observa algúns dos anuncios da exposición do Museo Etnográfico da Fonsagrada. J.VÁZQUEZ

O Museo Etnográfico Comarcal da Fonsagrada alberga ata o 17 de agosto a exposición 'Apostar polo galego na publicidade'. A mostra recolle unha ampla colección de anuncios de empresas e pequenos negocios que apostaron por empregar o galego na súa promoción en xornais, revistas e fachadas dos seus locais

NON hai mellor sitio cá Fonsagrada para respirar aire fresco. Os máis de 950 metros de altura da vila parecen achegar ao visitante ao enxebre e auténtico que ten a montaña lucense: boa comida, bo trato da xente e... galego.

O Museo Etnográfico Comarcal da Fonsagrada, fiel reflexo do que houbo e do que hai nas rúas, acolle este verán no seu interior a exposición Apostar polo galego na publicidade. Entre recreacións de escenas da vida tradicional da montaña, nunha das salas do edificio pódese observar unha ampla recompilación de anuncios escritos na lingua de noso.

Dende publicidade de obras de Castelao e pasando por algunha que outra referencia ao mestre Forges, esta mostra vén a demostrar que «hai que ter certa concordancia co que se fala e co que se escribe», como ben conta o presidente do padroado que rexe o museo, Xoán Xosé Molina. «A maioría da vida aquí vívese en galego», explica Molina ao tempo que fai de guía pola sala, «polo que facer publicidade na nosa lingua é unha maneira de ofrecer confianza aos consumidores da zona».

Entre os máis de 100 anos de historia que recollen os carteis e ilustracións pódense encontrar contidos publicados en varios xornais e revistas. Tamén hai un recuncho da estancia adicado a botellas de viño e cervexa etiquetadas en galego. Adega Panchín, Adega Sidrón -ambas empresas de Negueira de Muñiz-, Cervexas Píntega da Fonsagrada e Cervexas Aloumiña son só algunhas das marcas que optaron polo galego no seu embotellado.

O percorrido pola exposición aparece escindido en varias seccións. A primeira delas achega ao visitante á parte máis antiga e precursora dos anuncios en galego. Da revista Nós, publicación literaria dos anos 20 e 30 que daba cabida a unha gran diversidade de contidos en galego, aparece extraído un dos anuncios máis lonxevos da mostra, de Banco Pastor. Xunto a este pódese encontrar tamén unha promoción da antiga editorial Céltiga, anunciando o libro "Un ollo de vidro", de Castelao.

Outra das partes da mostra recolle anuncios de grandes empresas de alimentación e telecomunicacións, como Gadis, Deleite, Telefónica ou R. «Un dos grandes problemas de cando as grandes compañías apostan polo galego nas súas campañas de publicidade é que non lle acostuman a dar continuidade ao seu uso», comenta o presidente do padroado do museo. «Houbo un "boom" de anuncios en galego aló polo 2007, logo do éxito da campaña de "Vivamos como galegos" de Gadis», explica Molina, para quen «todo foi desaparecendo aos poucos».

TENDAS FONSAGRADINAS. Nesta exposición tamén aparece unha ampla selección de anuncios de comercios da Fonsagrada -estes xa máis actuais-. A meirande parte deles son bares, aínda que tamén hai publicidade de zapateiros, veterinarios ou madeiristas. Destaca tamén un mural con fotografías dalgunhas fachadas de locais da vila que locen rótulos en galego -Pescados Marisé, Peixería da Costa ou o bar Onde Luis, entre outros-.

O padroado do Museo Etnográfico Comarcal da Fonsagrada foi fundado por un grupo de veciños no ano 1984. «O museo sempre tivo a función de promover todo aquilo relacionado coa cultura que nos rodea», conta Xoán Xosé Molina. Un dos obxectivos da mostra publicitaria que ofrece este verán o museo fonsagradino, segundo Molina, é a de «invitar a todos aqueles negocios que non empregan o galego nos seus anuncios a que o fagan».

Esta exposición poderase seguir visitando ata o día 17 de agosto. O persoal do museo xa adianta que a próxima mostra temporal terá como protagonista a figura do escritor Manuel Orestes Rodríguez.