O Concello da Fonsagrada acondiciona catro rutas de sendeirismo

Os itinerarios nos que actuou o Concello son os de Castañoso, Pena Guímara e as seimeiras de Queixoeiro e Vilagocende
Seimeiras do Queixoeiro na Fonsagrada. SEBAS SENANDE
photo_camera Seimeiras do Queixoeiro na Fonsagrada. SEBAS SENANDE

O Concello da Fonsagrada habilitou catro rutas de sendeirimo para que os veciños e visitantes poidan gozar da súa contorna neste verán atípico. "Son camiños cun grande atractivo visual. A súa beleza é impresionante", sostén o alcalde fonsagradino, Carlos López, que ten pensado preparar algunha ruta máis para os peregrinos.

Os camiños acondicionados son o do Castañoso, que pasa pola Sauna Castrexa con seis quilómetros de distancia; o de Pena Guímara, de doce quilómetros; Seimeiras do Queixoeiro, que é circular e conta con tres, e Seimeiras de Vilagocende, cun quilómetro e medio de traxectoria. "Todas elas están sinalizadas", di o socialista, que quere facilitar o acceso a todas as persoas interesadas. "A máis visitada é a de Vilagocende porque é a máis alta de Galicia e é espectacular", manifesta Carlos López.

"O Covid-19 non supuxo un impedimento para os itinerarios. Todo o contrario, porque o turismo rural está a gañar terreo", declara. "Agora demandan máis información porque a xente quere natureza. Veñen moitos grupos que fan rutas guiadas pola mañá e aproveitan a tarde para facer turismo pola comarca", explica, e asegura que as reservas nos aloxamentos están a aumentar con respecto a outros anos.

O desbroce destas áreas naturais lévase a cabo todos anos. "As que teñen unha distancia maior, como a de Pena Guímara, requiren dunha preparación de entre catro ou cinco horas para que os visitantes poidan atravesalas sen problema", declara López, que ten esperanzas postas para o turismo do municipio.

As rutas de sendeirismo da Fonsagrada xa están preparadas para acoller todos os camiñantes que desexen desfrutar dunha xornada ao aire libre, xa sexa de forma individual ou ben en grupos pequenos.

Comentarios