A Foliada da Fonsagrada dá brillo ao patrimonio na súa oitava edición

Kepa Junquera, Herminio Villares ou as bailadoras da zona son algúns dos personaxes protagonistas desta cita que comeza este xoves con obradoiros que xa teñen as prazas completas
undefined
photo_camera Presentación da Foliada da Fonsagrada, este mércores na casa do concello. EP

Se disque na Fonsagrada o vento dá a volta, a Foliada xa é o centro do remuíño. A Asociación Petapouco e a Destempo presentou este mércores esta cita de referencia do 'tradi' en todo o país, canda ás institucións que colaboran co evento. Así, sostiveron o cartel desta oitava edición no salón de plenos do concello Carlos López, alcalde do municipio; Iria Castro, deputada de Cultura, e Marta Barreiro, secretaria territorial da Xunta en Lugo, que felicitaron a todas as persoas que integran unha organización que peta, moito e con xeito, para que isto se dea.

A xornada, que xa leva anos enchendo hoteis e bares da vila, tamén comeza este xoves coas prazas cubertas nos obradoiros. Logo dunha ruta pola mañá, o primeiro será de percusión asturiana, con Ramsés Ilesies, ás 16.00 horas, que dará outro a seguir sobre o patrimonio musical dos vaqueiros de alzada, a cultura transhumante do centro e occidente de Asturias. O último correrá a cargo de Kike Estévez, autor do libro sobre o Ribeira de Louzarela, un dos brindadores das montañas de Lugo, de quen aprendeu a poesía improvisada das vodas campesiñas. Unha butelada poñerá broche a este día, xa con 200 persoas apuntadas.

A xornada de este venres comezará ás 12.00 horas, con cantos de taberna polos bares colaboradores. Xa pola tarde, ás 18.00, a vila acollerá a presentación do libro Berpiztu, de Kepa Junquera, co seu autor. "A posibilidade de telo aquí veu a través de Pedro Lamas e Daniel do Pando, que gravaran xa con el e tiñan contacto", comenta Adrián Méndez, presidente da asociación Petapouco e a Destempo. Destaca Méndez que este ano cúmprense dez da edición do disco "Galiza" do músico de Bilbao, que se recordará ás 21.00 horas, nun concerto presentado por Xurxo Souto por unha agrupación, Polavilak, creada só para esta homenaxe. "Será un concerto cheo de sorpresas", engade Méndez.

Unha banda creada só para a foliada repasará o repertorio de Kepa Junkera polo décimo aniversario do disco ‘Galiza’

Pero antes, ás 19.00, na casa do concello, será a homenaxe que cada ano a Foliada da Fonsagrada rende a algún dos músicos da zona. Este ano, o recoñecemento é para as bailadoras da zona, as mulleres que conservaron o baile da Fonsagrada: Isolina, Lucita, Lola, Oliva, e tamén un home, Manolo. Os concertos do grupo asturiano L-R e do portugués Omiri pecharán a xornada de mañá.

O peche. O sábado comezará coa feira de artesanía ás 11.00 horas, á que seguirá a presentación do libro "Herminio Villaverde. A trompa na Fonsagrada", recentemente saído do prelo da man do musicólogo Javier María para aCentral Folque. O acto tamén contará coa presenza de Iria Castro, Carlos López e Manuel Fernández, fotógrafo da Fonsagrada que coñeceu ben ao músico de Fonfría. Xusto despois da presentación, Píntega presentará unha cervexa, de nome Birimbao, outro xeito de chamar o instrumento de Herminio, sen o que non se pode entender a paisaxe sonora da Fonsagrada. E da cervexa, á sesión vermú, con Alana e Caamaño e Ameixeiras.

Pola tarde, ás 17.30, Ismael Carcedo impartirá un obradoiro, xa sen número de prazas, aberto a quen queira iniciarse no baile foliadeiro. Quen o prefira poderá participar nun podcast sobre a foliada. A cita pechará con tres concertos da man de Irmaus da Raia Seca, Tirileque e Mondra. E ata o ano que vén.

Comentarios