'Flor de santidad', o filme que Marsillach rodou no Cebreiro

Xa pasaron case 50 anos da rodaxe dunha película sobre un misterioso peregrino que cambiou a paisaxe deste núcleo antes de que o fixese o Camiño Francés
2020051212231412887
photo_camera Un momento da rodaxe. SUSO LÓPEZ ROCA

A primeira persoa á que viu Adolfo Marsillach cando chegou ao Cebreiro hai case cincuenta anos para rodar Flor de santidad foi a José María Núñez. Daquela, quen hoxe preside a asociación Santo Grial era un mozo de vinte anos. Alí, na hospedería que abrira as súas portas había pouco tempo, preguntoulle: «A quen hai que pedir permiso para rodar aquí". "O permiso dóullelo eu", respondeu. "Eu era un cativo daquela, pero así foi".

Nunha aldea que a comezos dos 70 non recibía ningún peregrino -"deixou de recibilos no século XVIII", matiza Núñez- e de apretada economía de subsistencia, a que foi a primeira e última experiencia no cine do director teatral causou un impacto enorme. Non só polo equipo enteiro de rodaxe profesional, senón porque "estabamos todos metidos no Belén", indica Núñez. "Todos participamos como extras. Gañabamos 1.000 pesetas cada día, o que era unha barbaridade naquel momento", conta.

Marsillach aceptara a encarga de levar ao cine a novela homónica de Valle-Inclán que viu a luz en 1904. Nela, unha pastora do Cebreiro, que na pantalla será a actriz francesa Eliana de Santis, ten relacións cun estraño peregrino, en quen ve ao mesmo Xesucristo, e que será interpretado por Francisco Balcells. Non tan no fondo como puidera parecer, a guerra entre isabelinos e carlistas.

Generated by  IJG JPEG LibraryA rodaxe da película mudou durante 15 días a paisaxe deste núcleo da montaña. Fíxoo literalmente, xa que motivou que se colocase unha cruz nunha das súas localizacións, o Teso da Cruz, a carón da aldea, que daquela xa só gardaba a súa memoria no topónimo. José María Núñez (en la imagen) ten unha fotografía no seu establecemento hostaleiro, a Venta Celta, editada pola Xunta de Galicia canda o poema Ítaca de Kavafis, onde aínda aparece esa cruz do filme, a que máis tarde, xa deteriorada, foi substituída pola asociación que preside. Hoxe é un lugar de referencia, tanto na aldea como para todos os peregrinos que por alí pasan.

A Venta Celta de onde pendura tamén o retrato de varios veciños que participaron na rodaxe é tamén a mesma que a venta do filme, antes de ser reformada. "A escena da comida foi rodada na palloza de Quico, a máis antiga de todas as do Cebreiro", explica.

Ese mozo de vinte e poucos anos que dera o permiso da rodaxe converteuse no extra número un para o que fixera falla. "Era un recomendado", bromea. Así, José María Núñez foi pastor no Cebreiro, soldado isabelino na Praza da Quintana ou enfermo no hospital de Santiago.

El, que estudaba na cidade compostelá, cando acababa a rodaxe levaba os actores e equipo de atrezzo a dar unha volta pola Rúa do Franco. Incluso chegou a desprazarse a Noia, onde gravaron outros planos.

"E a vida tamén é unha película, con escenas que non volven. Ninguén se baña dúas veces no mesmo río"

Levábase especialmente ben co Grupo Tábano, entre os que se atopaba a actriz Tina Sáinz. Os seus integrantes -que tiveran problemas coa censura franquista-, así coma outros actores, participaron na película grazas á condición que Marsillach impuxo á produtora, para non deixar sen emprego aos actores cos que traballaba habitualmente sobre os escenarios. Tamén lle foi concedido meter man no guión de Pedro Carvajal, pero non tivo nada que facer ante a censura posterior do réxime, que cortou diálogos, como o propio Marsillach chegou a recoñecer.

Hoxe, José María Núñez mira con memoria viva as fotografías daquela rodaxe. "O cine sempre me gustou, pero sobre todo no que é a participación", di. "E a vida tamén é unha película, con escenas que non volven. Ninguén se baña dúas veces no mesmo río", pensa.

Comentarios