O queixo do Cebreiro convive ben co frío

A feira que lle dedica Pedrafita ao seu produto estrela recibiu numerosas visitas pese ás complicacións pola neve, que obrigaron ao Concello a empregarse a fondo na limpeza viaria. Sineiro enxalzou no pregón as bondades deste alimento

Uno de los puestos de la XXXII Feira do Queixo do Cebreiro. J. VÁZQUEZ
photo_camera Uno de los puestos de la XXXII Feira do Queixo do Cebreiro. J. VÁZQUEZ

O queixo do Cebreiro demostrou o Venres Santo que está afeito a convivir co frío e, a pesar da presenza da neve durante toda a xornada, foi quen de atraer numerosos visitantes a Pedrafita con motivo da súa feira monográfica anual, unha das convocatorias máis seguidas na Semana Santa luguesa.

O Concello, impulsor do evento, empregouse a fondo desde primeira hora na limpeza viaria para que o manto branco co que amenceu Pedrafita ese día non fose un freo para visitar este mercado, no que a gastronomía compartiu protagonismo coa artesanía. E conseguiu o seu propósito, xa que a pesar de que faltaron algúns habituais de lugares como O Bierzo, onde tamén nevaba copiosamente, o recinto feiral volveu rexistrar un cheo, como en anos anteriores, co reclamo deste produto gastronómico en auxe.

Destacou, entre outros, esa boa saúde do queixo do Cebreiro o pregoeiro desta edición da feira, o profesor de Economía Agraria da USC Francisco Sineiro. Na súa intervención, resaltou as bondades deste produto e o labor dos queixeiros, a quen puxo de exemplo do traballo de calidade que se desenvolve no rural.

160 POSTOS. Nesta XXXII Feira do Queixo do Cebreiro xuntáronse da orde de 160 expositores, dispostos nos catro espazos a cuberto -tres naves e un edificio- que o Concello habilitou para a ocasión.

Durante a xornada, as cinco queixerías adscritas a esta denominación de orixe non só pecharon transaccións a bo ritmo, senón que tamén fixeron un importante labor de promoción dun produto que nos últimos anos traspasou o ámbito comarcal e está presente en numerosos mercados.

A feira tamén foi un escaparate doutros produtos gastronómicos característicos da montaña luguesa, como os cárnicos, e de variados artigos de artesanía. Moitos dos visitantes aproveitaron a súa estadía en Pedrafita para quedar a comer nalgún dos postos de polbo que se instalaron nunha das naves municipais.

Non faltou a animación, que correu a cargo da charanga DGT e dos membros da asociación cultural local Xistra, que protagonizaron un espectáculo de música e baile tradicional.

O alcalde de Pedrafita, o socialista José Luis Raposo, agradeceu ese apoio masivo do público á feira pese ás malas condicións meteorolóxicas, unha proba do tirón tanto deste queixo como da feira que o exalta dende hai décadas. «Houbo moita xente a pesar do que nevou, estamos moi satisfeitos», destacou o rexedor, quen enxalzou tamén o labor dos queixeiros.

APOIO INSTITUCIONAL. Polo mercado pasaron, para dar o seu apoio á cita, representantes de distintas institucións e partidos. Entre esas persoas que arrouparon o evento estiveron o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, aínda que destacou sobre todo a delegación socialista, encabezada polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Estivo acompañado polo secretario provincial do partido, Álvaro Santos, e coincidiu no recinto feiral co becerrense Manuel Martínez, a quen hai uns días, de forma velada, lle instou a pechar filas cos seus compañeiros na Deputación.

Comentarios