O ferreiro Oliverio Álvarez honra os artesáns ao recibir o Butelo de Ouro

Foron precisamente os nenos da Fonsagrada, os seus alumnos, os que lle deron a máis emotiva homenaxe

Oliverio Álvarez recibe o Butelo de Ouro de mans do alcalde. TANIS
photo_camera Oliverio Álvarez recibe o Butelo de Ouro de mans do alcalde. TANIS

O ferreiro Oliverio Álvarez recibiu este domingo o Butelo de Ouro, a distinción que o Concello da Fonsagrada outorga a persoas que destacan polo labor en favor do municipio. Fíxoo coa humildade que marcou a súa vida e brindando o galardón a todos os artesáns que coma el manteñen vivos os oficios tradicionais.

Oliverio Álvarez agradeceu o Butelo de Ouro, pero insistiu en que non ve motivo que o distinga doutros ferreiros e artesáns da zona. A corporación da Fonsagrada si que o viu e onte o alcalde, Argelio Fernández, falou por todos cando destacou a valía de Álvarez non só para manter vivo o oficio dos ferreiros tradicionais da montaña, senón para transmitilo ás novas xeracións.

ALUMNOS. Foron precisamente os nenos da Fonsagrada, os seus alumnos, os que lle deron a máis emotiva homenaxe.

Acudiron ao acto do domingo para tocar as trompas que fixeron coas súas propias mans e guiados por Oliverio Álvarez. Deste xeito, quixeron agradecerlle ao mestre que lles permitise dar os seus primeiros petos na forxa e que contribuíse dunha maneira tan decisiva a conservar o instrumento característico desta zona da montaña e a música que leva consigo.

O ferreiro galardoado este domingo conseguiu suscitar o gusto polo oficio nalgún destes nenos

O ferreiro galardoado este domingo conseguiu suscitar o gusto polo oficio nalgún destes nenos, e mesmo algunha nena continúa da súa man aprendendo os segredos da forxa.

O acto estivo conducido por José María Álvarez Vilabrille, director comercial de El Progreso, e amenizado polo cuarteto de música tradicional Illa Pancha.

FEIRA. A entrega do Butelo de Ouro foi o acto central da última xornada da Feira do Butelo, que volveu rexistrar boas vendas, aínda a pesar das inclemencias climatolóxicas, que lle restaron visitantes.

Na xornada do sábado a feira estivo moi animada e os vendedores de butelos e outros produtos cárnicos quedaron satisfeitos. O día do domingo foi máis frouxo porque a neve dificultou o desprazamento polas zonas máis altas e foi menor a afluencia de compradores. Aínda así, os que se achegaron ata A Fonsagrada non se resistiron a probar ou levar o embutido tradicional, pois o frío chamaba polo cocido.

Comentarios