Un ferido na Fonsagrada tras envorcar o seu coche en Lamas de Moreira

Outros percances viarios rexistrados en estradas de Begonte e Guntín saldáronse con dous lesionados
O vehículo accidentado na Fonsagrada. EP
photo_camera O vehículo accidentado na Fonsagrada.

Unha persoa resultou ferida onte tras envorcar o seu coche na Fonsagrada. O percance rexistrouse sobre as 17.30 horas na estrada provincial LU-P-1901, que une o municipio con Navia, á altura da parroquia de Lamas de Moreira.

Tras recibir o aviso do accidente, o 112 mobilizou efectivos do subsector de Tráfico de Lugo, Protección Civil da Fonsagrada e persoal sanitario. Tamén se avisou ao parque de bombeiros de Sarria, aínda que ao final este dispositivo non tivo que desprazarse porque o condutor do vehículo non estaba atrapado. Foi evacuado ao centro de saúde con feridas leves.

Ademais dese percance, outros dous sinistros nas estradas lucenses deixaron feridos, Pola mañá, un veciño de Rábade de 31 anos resultou lesionado en Begonte ao sufrir unha saída de vía e impactar o seu vehículo coa barreira metálica de seguridad cando circulaba á altura do quilómetro 512,4 da A-6. Foi evacuado ao Hula.

Ao mediodía, sobre as 14.00 horas, tamén houbo que auxiliar a unha condutora que non podía saír do seu coche tras impactar de forma lateral con un camión que transportaba leite. Ocorreu no punto quilométrico 19,800 da N-540 e o 112 mobilizou a axentes de Tráfico, bombeiros de Lugo e Chantada e persoal sanitario.