lunes. 03.08.2020 |
El tiempo
lunes. 03.08.2020
El tiempo

O cervantego David Doral, un artesán que aposta polo rural con valor engadido

David Doral. EP
David Doral. EP
Deseña en San Román produtos de madeira personalizados, que distribúe a nivel nacional, e mantén vivo o legado do seu avó en Artesanía Chavello

David Doral, natural de Cervantes, comezou facendo algunhas pezas artesás en 2015 como simple afección ata converter este pasatempo na súa profesión a día de hoxe. "Meu avó era carpinteiro e como me gustaba o que facía decidín probar", explica este emprendedor de 32 anos, que contaba por aquel entón coas materias primas e as ferramentas do seu parente.

Este veciño de San Román conta co seu propio negocio, ao que lle puxo Artesanía Chavello en homenaxe ao nome da casa familiar e ao alcume do seu avó. "Empecei a pensar que as cousas que facía poderían ter saída no mercado", declara David Doral, que elabora a maior parte das súas obras con madeira.

O artesán traballa, sobre todo, en función da demanda de pedidos para eventos particulares e para as institucións que buscan unha maior diferenciación. "Hoxe en día está todo moi masificado, por iso as cousas feitas á man cobran unha maior importancia. Teñen un valor engadido", sostén o emprendedor. "Recibimos clientes galegos esencialmente", explica Doral, que tamén conta cunha páxina web de venda nacional.

A súa marca está recoñecida co selo de Artesanía de Galicia e tamén presentou un par de pezas propias para concurso fai dous anos. "Non sei se me inscribirei este ano, porque co problema do Covid-19 está todo bastante parado", argumenta David Doral, que espera que o ritmo de vida volva progresivamente á normalidade.

O emprendedor intenta gozar da máxima autonomía posible para aforrar gastos de produción e saír adiante co seu negocio. "Levo practicamente todo para rendibilizar ao máximo", di.

Porén, para levar adiante un traballo como o seu nun ámbito rural, Doral recoñece que se presentan algunhas dificultades engadidas. "É verdade que no inverno a compañía eléctrica e a telefónica deixan bastante que desexar nalgunhas ocasións", afirma o emprendedor.

O artesán recoñece que o traballo no rural presenta algunhas dificultades, pero destaca a importancia do compromiso coa terra

A pesar das complicacións, este tamén declara que agora mesmo "as vías de comunicación son relativamente boas e permítenche desprazarte, polo que podes conseguir o mesmo que unha persoa que se atopa nun lugar máis grande". Coas súas vantaxes e inconvenientes, este empresario recoñece que o compromiso coa terra é esencial para levar a cabo calquera proxecto.

"É necesario adquirir un maior apoio do rural por parte das administracións", reclama o artesán, que tamén preside a asociación cultural Val dos Corzos en Cervantes. "Aínda hai xente que se preocupa e busca novas actividades na zona, o que me resulta moi simbólico e esperanzador" , explica Doral, que ve "moi importante emprender no rural".

Polo momento, o artesán visualiza o seu futuro con este negocio, xa que goza do que fai e considera que é unha boa "saída laboral". "A miña intención é seguir traballando aquí todo o tempo que poida. Se se me plantexan riscos intentaría compaxinalo con outra cousa", expón.

David Doral pretende continuar co legado do seu avó nun traballo que para el ten un "valor adicional" ao tratarse de produtos artesanais e personalizados. "A xente sabe que non vai atopar ningunha peza igual á súa é iso é moi enriquecedor", di o artesán cervantego.

O cervantego David Doral, un artesán que aposta polo rural con...
Comentarios