jueves. 21.01.2021 |
El tiempo
jueves. 21.01.2021
El tiempo

'O feitizo de Maruja Roca' en Becerreá

Eutropio Rodríguez, Nieves Neira Roca, Manuel Martínez e Ramom Pinheiro Almuinha. AR. ACENTRAL FOLQUE
Eutropio Rodríguez, Nieves Neira Roca, Manuel Martínez e Ramom Pinheiro Almuinha. AR. ACENTRAL FOLQUE
Os veciños da vila celebraron a presentación do libro de quen foi a súa fotógrafa nas décadas dos 40 e dos 50 nunha xornada que comezou na feira do 12 e culminou na casa da cultura

O día da recuperada feira do 12, en Becerreá. Alí comezou a presentación, que culminaría ás 19.00 horas na casa da cultura, de O feitizo de Maruja Roca, o libro sobre a fotógrafa da vila que vén de saír do prelo da man de aCentral Folque. Non foi posible imaxinar escenario mellor, nin astros tan ben aliñados. O volume que recolle grande parte da obra desta singular artista que exerceu a profesión nas décadas dos 40 e dos 50 amañeceu entre un dos moitos postos nesa xornada de encontros.

Alí estiveron os seus autores, Eutropio Rodríguez, como editor fotográfico, e a xornalista de El Progreso Nieves Neira Roca, sobriña neta da fotógrafa e autora do texto, canda o director artístico da editorial, Ramom Pinheiro Almuiha. Xa na feira, a cantidade de persoas que se achegou para ver o libro deu dimensión dos álbumes familiares que se revisaron para darlle forma e que durante meses os veciños compartiron coma quen comparte unha alfaia.

Porta a porta, Nieves Neira tomou nota de cada encontro, da palabra que aparece cando se abre a memoria. Casa por casa, Eutropio Rodríguez mirou minuciosamente cada foto, distinguiu coa lupa as pegadas da Zeiss Ikon de Maruja nas imaxes, o papel que utilizaba, o seu manexo da luz. Outras, xa sen lupa, resaltaban por seren únicas e raras na época: mulleres en grupos, nenos disfrazados, xentes que chegaban á vila polas marxes desa Nacional VI que comezaba a encender o motor, luces extraordinarias para uns tempos de escura represión.

Así se fixo o libro, que este domingo tamén reuniu á súa volta ás veciñas que nel colaboraron na casa da cultura. "Unha das moitas cousas excepcionais do arquivo de Maruja Roca é que está disperso entre os álbumes familiares de Becerreá, de aí a importancia de fixalo", comentou Eutropio, para quen "Maruja é única pola súa capacidade de fabulación, pola historia que conta con cada unha das imaxes". "Un tesouro", destacou Ramom Pinheiro, quen non descartou que puidesen vir máis volumes desta fotógrafa no futuro.

O Concello de Becerreá alegrouse tamén de ter apoiado a obra, como manifestou na presentación o alcalde, Manuel Martínez, e o tenente de alcalde, Claudio Vázquez, moi interesado no patrimonio fotográfico da vila. O libro é o terceiro volume da colección Cámara Escura, e da súa tradución ao inglés ocupouse Harriet Cook. O volume contou tamén coa colaboración da Deputación de Lugo.

Ademais de excepcional como artista e fotógrafa nun tempo no que a profesión estaba practicamente coutada aos homes, Maruja Roca foi tamén considerada como unha persoa excepcional polos seus veciños. Mostra diso foi a alegría coa que recibiron o libro dunha muller que consideraron adiantada á súa época, a quen tamén recordan pola súa implicación na vida cultural da vila, volcada con máis de 80 anos na asociación A Pipa.

A fotógrafa de Becerreá naceu en 1912 en Castro de Rei, e de nena marchou a Baralla, onde os seus pais montaron un café con fonda. A Becerreá foi casar despois da guerra, e alí serviuse da fotografía, un oficio que aínda non está claro como chegou a aprender, para completar a economía familiar, e para chegar lonxe, moi lonxe, tanto que Os Ancares, con ela, semellan mover do sitio, semellan voltar do futuro.

Suso López: "É unha homenaxe que non ten prezo"

SUSO LÓPEZ roca, fillo de Maruja Roca e quen gardou parte das súas fotografías, tamén celebrou a memoria recuperada do seu legado.

Como viviu a publicación deste libro?
Eu tiña parte desas fotos coma un tesouro, pero nunca pensei que poderían saír a luz como saíron. É unha homenaxe á miña nai e ao seu labor que non ten prezo.

Esperaba que houbese tantas fotos nas casas dos veciños?
Si, e agradezo moito que as prestasen, porque esas fotos téñenas como xoias.

Como lembra á súa nai como fotógrafa?
Sempre apurada, coma quen está facendo un guiso. Non tiña un cuarto escuro profesional, era todo feito na casa. Unha palangana por aquí e un prato dos da sopa por outro lado... O aparato para facer as fotos por contacto era un caixón de madeira feito con catro patas e unha bombilla. As mans se lle quedaban brancas do frío, de andar meténdoas nos líquidos, porque non tiña pinzas e facía todo a man, e porque non había calefacción. Pero lembro a ilusión coa que o facía, coa que facía as fotos e coa que as revelaba. Gustáballe moito a fotografía.

'O feitizo de Maruja Roca' en Becerreá
Comentarios