Eu tamén vou... a Escobio

Para que os antigos camiños seguisen abertos e con vida, varios veciños da parroquia de Baralla propuxéronlle ao Concello a apertura dunha ruta circular. E conseguírono: os seus lugares máis queridos xa están sinalizados para quen queira percorrelos

Veciños que recuperaron unha ruta en Baralla. XESÚS PONTE
photo_camera Veciños que recuperaron unha ruta en Baralla. XESÚS PONTE

OS VECIÑOS do lugar de Escobio, na parroquia de Baralla, chegaron a unha conclusión: "Eu tamén vou". Ese é o lema co que o vindeiro domingo estrearán unha ruta que o Concello recuperou a petición súa, e que xa está sinalizada como un sendeiro de pequeno percorrido (PR-G).

Despois de ver outras rutas en Galicia, déronse conta de que "o noso lugar é tan bonito coma outros e que ben merecía unha ruta", conta Carmen Capón, unha das veciñas das once casas implicadas. Así foi como puxeron a andar a iniciativa, e en movemento os antigos camiños que levaban tempo pechados, e que agora volven abrirse de avoa a neta.

Manuela de Xastoso sabe, por exemplo, que co bastón que precisan os seus 84 anos non poderá subir ao Alto da Raseliña, pero está encantada de ver que as nenas do barrio -Valeria, Alexandra e Nerea- xa saben localizar a Pena da Casiña, que deu acubillo aos maquis e, durante centos de anos, aos pastores. "Aínda á volta das penas o chan está negro das fogueiras que facían cando ían co gando", conta. Ou que incluso coñecen a historia da Pena do Ladrón, un topónimo que viría de cando "os carlistas roubaron e mataron alí un xato", segundo lle narraba a Carmen Capón o seu pai, cando ían sacar as vacas.

Por suposto, a Manuela de Xastoso faille moita ilusión que para a máis pequena do barrio, -Celtia, o bebé da foto-, o camiño ao Muín da Granxa, unha construción de 1750 que moía para todo o municipio, estea aberto.

En total, a ruta recuperada por estes veciños ten dez quilómetros de lonxitude e, para eles, tamén de historias. O inicio está na área recreativa de Baralla, e alí volve rematar despois dun percorrido circular que discorre polas beiras dos ríos Neira e Dubio e que ascende ata a Pena Carramedo -coa visión privilexiada que esta ofrece da serra do Rañadoiro- e ata o Alto da Raseliña, a 689 metros de altitude.

A ruta, segundo contan os mozos, tamén pasa polo Pozo do Baño, onde se divisa unha fervenza dun metro de alto, e onde todos recordan máis dun mergullo nos días de verán.

Por suposto, o sendeiro atravesa o lugar onde naceu a idea, Escobio. "A iniciativa xurdiu dun grupo de whatsapp no que estamos os veciños, e onde compartimos inquedanzas, porque en Escobio nos preocupamos polo contorno", comenta Carmen Capón.

A raíz da proposta, o Concello abriu moitos dos camiños, e sinalizou cada punto de interese. A ruta leva aberta un mes, e xa son moitos os sendeiristas que se animaron a facela, "con moi bos comentarios", comenta Carmen.Adrián, un dos veciños, ten pensado facer no verán o camiño a cabalo, e non descarta nun futuro facer desta paixón un modo de dinamizar a zona.

Tanto puxeron a andar o lugar, que xa teñen en mente a próxima iniciativa, recuperar uns caneiros do río Neira. Pero antes, aínda teñen que pechar o círculo, facendo a ruta. Levarán nas camisetas impresa unha mensaxe, que teñen ben clara: "Eu tamén vou".

Comentarios