Esencia fonsagradina forxada en aceiro

O ferreiro fonsagradino Celso Núñez Ferreiro logrou recuperar o antigo oficio da coitelería da súa comarca. Agora as súas pezas, tradicionais pero adaptadas aos novos tempos, percorren o mundo en mercados tan diversos como Xapón ou EE UU

Celso Núñez Ferreiro, coiteleiro da Fonsagrada. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Celso Núñez Ferreiro, coiteleiro da Fonsagrada. VICTORIA RODRÍGUEZ

A TRADICIÓN ferreira da Fonsagrada é secular. O lume e o metal formaron parte da historia da comarca desde tempos inmemoriables. Na profundidade das fraguas os artesáns moldeaban coas súas propias mans todo tipo de pezas como se o mesmo deus Vulcano os inspirase.

Tenedores e coitelos. VICTORIA RODRÍGUEZDe todas as ferramentas forxadas a grandes temperaturas unha das máis recoñecidas foi a coitelería, característica polo seu perfecto corte e pola peculiaridade das súas liñas: de trazos cadrados e cun remate sen punta. Hoxe en día este antigo saber logrou sobrevivir e incluso traspasou fronteiras grazas ao fonsagradino Celso Núñez Ferreiro, quen coa súa arte conseguiu que nas mesas de Estados Unidos, boa parte de Europa ou o mesmo Xapón, loza unha parte da memoria cultural da súa vila natal.

Veciño da parroquia de San Martiño de Suarna, Núñez Ferreiro estivo vinculado ao oficio de ferreiro desde cativo. "Aprendín da man de dous grandes mestres, Oliverio de Queixoiro e Vicente da Porteliña", recorda. Precisamente, foi no ano 2008, trala morte deste último artesán, cando Núñez Ferreiro decidiu meterse de cheo no negocio para preservar o seu legado. "Propúxenme perpetuar o estilo coiteleiro tradicional impulsado por Vicente para que non desaparecese como ocorreu con outros moitos oficios", asegura.

PROCESO DELICADO. Os comezos foron complicados, pero este fonsagradino traballou moi duro para lograr o seu soño. "Foron moitas horas de traballo en solitario, pero tíñao moi claro, os meus coitelos tiñan que destacar pola calidade dos materiais, que ben tratados poden falar por si sós". Así, logrou sacar ao mercado a súa primeira liña de coitelos de mesa baixo a marca Celso Ferreiro (CF).

Unha liña creada con paixón, mimo, e sobre todo precisión. "As miñas pezas preservan os valores tradicionais marcados polo minimalismo e os materiais da mellor calidade", explica. Todo o proceso é cen por cen manual, motivo polo que os seus traballos rozan a excelencia. Contemplar os seus coitelos é como viaxar ao pasado. As dúas partes do utensilio fúndense nunha simbiose harmónica e perfecta. O mango, labrado con madeira de árbores autóctonas, tales como a abidueira, a nogueira, a uz ou o buxo; e a folla, traballada delicadamente como antigamente, co único punto diferencial de que optou polo aceiro de primeira calidade, para fuxir da oxidación.

O fermoso deseño, unido a un corte impecable logrado grazas ao vaciado minucioso da folla namorou a moitos. "Leveinos a varias feiras de artesanía por toda Galicia e tiveron moi boa acollida".

A calidade das súas pezas foise dando a coñecer polo boca a boca, tanto, que cociñeiros como o pontevedrés Iñaqui Bretal, do prestixioso Grupo Nove, se interesou pola coitelería fonsagradina e nese momento comezou a expansión do seu negocio. "Comecei a colaborar intensamente cos cociñeiros e foi unha experiencia moi positiva. Para un artesán que fai coitelos coma min, saber as necesidades dun sector como é da hostalería aporta información moi valiosa".

EXPANSIÓN. Deste xeito traballando man a man con varios chef galegos o ferreiro fonsagradino foi ampliando a súa colección ata contar cunha liña de navallas, cun sistema de bloqueo e un mango romboidal de deseño propio; unha liña de coitelos de cociña, entre os que se atopan xamoneiros, ceboleiros ou para pescado; e ata deseñou varios garfos de trinchar. Tamén optou por novas madeiras como as tropicais de granadillo ou tajibo e incluso dotou de punta a algunhas das súas creacións. "Todas as pezas teñen como inspiración o deseño da coitelería tradicional da miña terra, pero actualizado e con novos materiais que intentei adaptar aos distintos ámbitos", explica.

A súa grande esixencia e as infinitas horas de traballo en solitario no seu taller de San Martiño de Suarna conseguiron situar o oficio coiteleiro da Fonsagrada na cima do sector e a participación en feiras de artesanía amparado na marca Artesanía de Galicia permitiulle levar as súas pezas a cada recuncho do planeta. Na actualidade, conta con multitude de clientes en países como Xapón, Estados Unidos, China e boa parte de Europa, sen esquecer toda a xeografía galega.

Ante este abafante éxito Núñez Ferreiro traballa "practicamente as 24 horas do día" (ri) para atender todos os pedidos. Aínda así nunca pensou en ter axuda pois o seu alto nivel de esixencia non llo permitiría. De feito cada unha das súas pezas é única e pasa un rigoroso sistema de control de calidade marcado por el mesmo.

A innovación é outra das súas máximas e a base de acerto-erro saca constantemente ao mercado novas e melloradas creacións. A última, da que non quere avanzar detalles, estase xestando na súa forxa de San Martiño e sairá á luz proximamente. "Hoxe en día podo dicir que na Fonsagrada non lle temos nada que envidiar ás coitelerías xaponesas", remarca orgulloso. Coitelería que preserva a esencia cultural da súa terra e que gracias ao seu traballo se manterá viva en medio mundo.

Comentarios