O edificio máis alto de Navia

A Casa Benedicto foi a primeira de tres pisos na Proba, un soño modernista hoxe deteriorado e sen proxecto á vista
Gerardo Fernández diante da Casa Benedicto. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Gerardo Fernández diante da Casa Benedicto. VICTORIA RODRÍGUEZ

Aló polos anos 30, Víctor Fernández Pardo, veciño de Navia de Suarna, quixo construír a casa máis alta do municipo. Daquela, porén, a febre da altura non estaba inda reñida coa arte. Os tres pisos máis o baixo do edificio que erixiu na Praza da Proba teñen feitura modernista, con grandes galerías de carpintería pintada de branco. O único co que rifou ese pulo de chegar ao ceo foi coa anchura, e o pequeno soar no que se ergueu a casa limitou o tamaño dos seus pisos.

As escaleiras, de feito, tiveron que facerse na galería. Tan estreita é a Casa Benedicto que cando morreu Toldo, un revisor de liña de buses que vivía na terceira planta, tiveron que baixar o cadaleito, con cordas, pola xanela. Calquera veciño ou veciña da vila de sesenta anos ou maior recorda aquel momento. Como para esquecelo.

Quen lembra isto todo é Gerardo Fernández, o sobriño neto de Víctor e o neto do seu irmán, Gerardo, quen tamén promoveu a construción doutra das casas modernistas da vila, a Casa Gerardo, que inda que ten só dous pisos, cada un ten 2,75 metros de altura. Casas que son vestixio da riqueza de antano, e parte da memoria das xentes da Proba. Iso pensa Lucía Rodríguez Fernández, veciña da zona, que non se imaxina a vila sen elas, sen ela.

"Isto calquera día cae", escóitase dicir a un grupo de homes que apuntan á Casa Benedicto dende o bar Xegunde. O Concello mantén que a estrutura non presenta risco de derrubamento, pero que tampouco hai plan á vista para frear a súa visible deterioración. O obxectivo, de feito, do convenio que asinou a entidade local coa Deputación cando esta o adquiriu era o de derrubala, por considerala un tapón urbanístico na praza.

No 2017, Change.org reuniu case 7.000 sinaturas para evitar a derriba da casa, e o Coag pediu oficialmente a súa conservación

A demolición non chegou a acontecer porque Patrimonio denegou o permiso e, tamén, pola mobilización social. Unha campaña en Change.org en 2017 que tiña por meta as 1.500 sinaturas chegou case ás 7.000. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (Coag) solicitou ao Concello o mesmo ano que desistise da súa vontade de derriba e promovese a protección deste edificio, "singular mostra da arquitectura modernista nos Ancares", dixo o Coag.

"A xente máis moza criámonos vendo a Casa Benedicto, igual que sucede co castelo e coa ponte. Se nola quitan, quítannos unha parte de Navia, unha parte da nosa identidade", comenta Lucía Rodríguez, con 21 anos. Gerardo Fernández sácalle moitos lustros, pero tamén pensa o mesmo. Cantas veces pasou a tarde cos nenos da vila alí, ao pé da Casa Benedicto, coas portas da xastrería do baixo aberta e "a primeira radio emitindo os partidos da Copa de Europa". O seu irmán, Sergio, ten gravado na mente ese letreiro na fachada da edificación, que vía a diario e que inda non se deixou esvaer por completo co paso do tempo: Gran Sastrería Benedicto F. Lombardero, elegante, á altura das portas de caoba coas que Víctor abriu a casa máis alta de Navia.

Benedicto Fernández Lombardero chegou da Fonsagrada a Navia nos 50 e comprou a casa, na que abriu unha das moitas xastrerías que funcionaban na vila. Alí viviu coa súa muller e os seus tres fillos, ata pechar nos 70. Dende entón, a casa permanece deshabitada, á espera dunha actuación á altura que a manteña en pé. Os veciños mozos si se atreven a soñar. Os artistas rusos Pavel e Alisa realizaron nela unha intervención artística. Lucía Rodríguez apunta a "unha sala de exposicións, unha oficina de turismo, pois inda sendo pequena pode ser útil". O que non conciben é que se tire ou, o que é o mesmo, se deixe caer.

undefinedXastrería ► Casa Benedicto
A Casa Benedicto foi a xastrería mellor situada na vila nun momento no que Navia gozaba de sete negocios deste tipo abertos. Recentemente sufriu desperfectos na escaleira exterior.
undefinedEstanco ► Casa Gerardo
Branca e azul, con portas de madeira tallada, a Casa Gerardo construíuse nos anos 20. Foi sucursal bancaria e hoxe é un estanco e un negocio familiar que cumpre cinco xeracións.
undefinedSúper ► Casa de José de Ramiro
A Casa de José de Ramiro é outro dos edificios modernistas da vila, onde hoxe se sitúa a cadea de supermercados Claudio. En Barcia tamén hai bos exemplos deste estilo de comezos do XX.

Comentarios