Unha edificación ao pé do castelo de Navia acollerá un museo de ferreiros

O impulsor é o artista ruso e veciño Pavel Yakushev, que prevé abrir en dous meses as portas dun lugar que acollerá utensilios, historias e demostracións do que foi este oficio nos Ancares
Pavel Yukushev, durante la edificación. ALISA SMIRNOVA
photo_camera Pavel Yakushev, diante da edificación. ALISA SMIRNOVA

A presenza de certas persoas séntese porque, cando pasan, deixan un regueiro de beleza a carón seu. Os artistas rusos Alisa Smirnova y Pavel Yakushev recoñécense por iso. Dende que chegaron a Navia de Suarna, hai pouco máis dun ano, a súa arte rebordou as paredes do estudio e buscou xeitos de se trenzar co día a día das veciñas e veciños do municipio. Animais de ferro pintado nas rúas -que as xentes da Proba buscaron coma xogando ao escondite-, unha exposición no hórreo da Casa Quiñones... e agora, un museo adicado aos ferreiros dos Ancares nos pés mesmos do castelo de Navia.

O lugar é por todos coñecido, esa pequena edificación que moitos veciños recordan como adega, ou pode que alguén incluso como forno, case metida nunha coviña da rocha na que medrou o castelo. O apoio dos propietarios, da Casa Nicasio, é fundamental. E tamén dos moitos veciños que empatizaron co proxecto e botarán unha man para limpar o espazo para o seu novo uso, esa "gran familia" á que Pavel se refire que tan ben o acolleu no municipio.

O museo dos ferreiros será outro xeito de facer veciñanza. Ou sexa, unha conversa. Unha conversa entre Pavel, como artista do ferro, e todos aqueles que o precederon na terra na que elixiu vivir. Tamén unha conversa cos veciños, pois a maneira de reunir as historias e o material deste oficio na comarca é ir casa por casa. Para iso, o artista ruso conta co apoio de amigos e amigas, xente moza que lle axuda como intérprete nas conversas ou fai de guía polas distintas portas ás que petar.

De toda esta viaxe, van aparecendo cousas. Martelos, incres, ferramentas. E tamén fotografías coas que poñerán rostro a todos aqueles que lles deron forma para realizar os traballos da casa e da terra.

"Será un museo pequeno, pero a miña idea é que sexa tamén interactivo, realizar demostracións para que as persoas que o visiten poidan coñecer máis a fondo o oficio", conta.

"Será un lugar no corazón de Navia, e dedicado á marabillosa familia que atopamos aquí", conta, esa terra fértil que sabe dar raíces á beleza que o merece.

Construción emblemática

Os propietarios desta edificación, os veciños da Casa Nicasio, sempre lle chamaron ‘o forno’, inda que ningún recorda xa como a xente da redonda ía alí cocer o pan. Mabel García, da familia, si que recorda como se gardaba alí o viño que seu pai servía na taberna do baixo da casa. Viño que chegou a ser da propia viña, hoxe abandonada, e que máis tarde se facía coa uva mercada no Bierzo. Hoxe a familia, que nesa taberna foi xuntando elementos de valor etnográfico nun lugar "que nos gusta chamar museo", di Mabel, seguía utilizando ese pendello como almacén. "A Pavel gustoulle moito o lugar e nós deixámoslle facer o que queira", conta, dando fe do seu bo dispor.

Un texto
O escritor Toño Núñez, que vén dunha das familias de ferreiros de Navia, da Fragua do Muxo, está escribindo un poema para este proxecto de Pavel Yakushev, e tamén lle axudará coa historia do oficio na zona.

Comentarios