A presenza de certas persoas séntese porque, cando pasan, deixan un regueiro de beleza a carón seu. Os artistas rusos Alisa Smirnova y Pavel Yakushev recoñécense por iso. Dende que chegaron a Navia de Suarna, hai pouco máis dun ano, a súa arte rebordou as paredes do estudio e buscou xeitos de se trenzar co día a día das veciñas e veciños do municipio. Animais de ferro pintado nas rúas -que as xentes da Proba buscaron coma xogando ao escondite-, unha exposición no hórreo da Casa Quiñones... e agora, un museo adicado aos ferreiros dos Ancares nos pés mesmos do castelo de Navia.
O lugar é por todos coñecido, esa pequena edificación que moitos veciños recordan como adega, ou pode que alguén incluso como forno, case metida nunha coviña da rocha na que medrou o castelo. O apoio dos propietarios, da Casa Nicasio, é fundamental. E tamén dos moitos veciños que empatizaron co proxecto e botarán unha man para limpar o espazo para o seu novo uso, esa "gran familia" á que Pavel se refire que tan ben o acolleu no municipio.
O museo dos ferreiros será outro xeito de facer veciñanza. Ou sexa, unha conversa. Unha conversa entre Pavel, como artista do ferro, e todos aqueles que o precederon na terra na que elixiu vivir. Tamén unha conversa cos veciños, pois a maneira de reunir as historias e o material deste oficio na comarca é ir casa por casa. Para iso, o artista ruso conta co apoio de amigos e amigas, xente moza que lle axuda como intérprete nas conversas ou fai de guía polas distintas portas ás que petar.
De toda esta viaxe, van aparecendo cousas. Martelos, incres, ferramentas. E tamén fotografías coas que poñerán rostro a todos aqueles que lles deron forma para realizar os traballos da casa e da terra.
"Será un museo pequeno, pero a miña idea é que sexa tamén interactivo, realizar demostracións para que as persoas que o visiten poidan coñecer máis a fondo o oficio", conta.
"Será un lugar no corazón de Navia, e dedicado á marabillosa familia que atopamos aquí", conta, esa terra fértil que sabe dar raíces á beleza que o merece.
Construción emblemática
Un texto
O escritor Toño Núñez, que vén dunha das familias de ferreiros de Navia, da Fragua do Muxo, está escribindo un poema para este proxecto de Pavel Yakushev, e tamén lle axudará coa historia do oficio na zona.