Cando a asociación Rente ao Couce de Becerreá se propuxo, hai tres anos, recuperar a Feira do 12 -que se celebrará o vindeiro sábado 10 de decembro- preguntoulle a Xabier Moure, de Patrimonio dos Ancares, se o colectivo tiña algunha investigación feita sobre ese día. Deste xeito impulsaron non só a recuperación do mercado, senón da súa historia.
O primeiro lugar onde pararon os investigadores foi nos Interrogatorios do Catastro da Ensenada, decorridos entre o 1752 e 1753. Para a súa sorpresa, a feira de Becerreá era a única mencionada nas 115 parroquias dos seis concellos da comarca, e non estaba en Becerreá, senón en Penamaior, no espazo abrazado polo mosteiro.
Esa man dada entre o lugar de culto e o lugar da feira é, sen embargo, como apunta Moure, ben máis antiga. A palabra feira, que coincide co seu étimo latino, designaba os días de festa ou de vacacións, onde a actividade civil daba paso ao culto relixioso e ás súas festas asociadas. "Unidas as dúas accións, desenvolveuse en latín o verbo 'feriari', que significaba mercar e vender na feira", conta o colectivo no seu estudo, no que recordan que nos inicios do cristianismo estaba mal visto nomear os días da semana con deuses pagáns, como Xúpiter -por xoves- ou Venus -por venres-.
E toda esta volta foi para volver aquí, a este cenobio románico encaixado na serra do Pico. Contan tamén dende Patrimonio dos Ancares que, nos camiños da Alta Idade Media, as feiras precisaban dun lugar seguro, e de aí que a súa celebración se mantivese diante dos templos, dos mosteiros, ou tamén dos castelos, moito antes de teren lugares específicos coma os campos da feira.
Porén, moito antes da mención no Catastro da Ensenada, o colectivo fai referencia a un documento do 1525 "en que o prior do mosteiro de Santa María e Penamaior ordena que os asistentes ao mercado non entorpezan as entradas a devotos e peregrinos". O documento foi un dos varios cos que o colectivo xustificou o paso da Vía Künig por este lugar cando impulsou a variante xacobea.
Pero, ademais, Moure fala doutro libriño, encadernado en vitela (aquí reproducido), onde os monxes comezaron a escribir no 1748 o que cobraban a cada un dos vendedores en reás de vellón, "unhas moedas de cobre e prata, creadas no 1686 por Carlos II, cunha equivalencia de 266 reás por un euro actual", contan dende Patrimonio dos Ancares.
Esta alfaia caeu nas mans do colectivo a través dun particular que, coma outros, acabou con este patrimonio na casa, despois de ciscarse pola comarca logo da desamortización de Mendizábal no 1835. Foi precisamente a raíz da desamortización que os monxes abandonaron o mosteiro e que a feira deixou de celebrarse alí. Por este proceso tamén se explica, segundo o colectivo, a falta de referencias á cita, ou ás outras feiras que puido haber na comarca, pola perda de moitos documentos. As invasións francesas tamén tiveron que ver. "Os soldados de Napoleón asolaron a comarca, queimando centos de libros e documentos do Cebreiro, Penamaior, Baralla, dos concellos e os rexistros civís...". E o mesmo aconteceu durante as tres guerras carlistas.
Haberá que agardar a 1889 para ter novas da feira que, polo xornal El Eco de Galicia, sábese que pasou a celebrarse cada terceiro domingo de mes xa en Becerreá, indica Moure. O investigador tamén apunta que, xa no 1920, no Calendario Gallego, que así mesmo se definía como "relixioso, profético, astronómico, recreativo, popular e barato", as feiras fíxanse no primeiro domingo e no 19, e no 1925 xa se establecen os días 3 e 19, como agora.
Nun día 19, precisamente, os republicanos convocaron unha folga xeral nun día de feira e entraron na igrexa, en contra dun clero que apoiaba o golpe, e que pediu a intervención dos falanxistas, "que non causaron unha masacre pola intervención dun garda civil de Becerreá, Balbino Baliño".
E a Feira do 12? "A primeira referencia é a dun 12 de abril de 1823, cando un carlista das Nogais asaltou o xulgado municipal aproveitando a feira", conta Moure. Xa no 1951, o Concello establece de novo a feira por iniciativa de varios veciños o día 12 de decembro. Neste mesmo xornal anunciábase -como se ve na foto- «servicio de ómnibus» na empresa La Directa. A cita desapareceu no 1962, e volveuna recuperar a asociación Rente ao Couce hai tres anos.
Feirantes. Por este camiño á Feira do 12, máis dunha ducia de historias foron aparecendo. Outras feiras, na Proba de Navia, ou no Cebreiro, tamén antiquísimas. Casamentos forzados que acabaron en liorta, ou liortas que acabaron movendo os marcos. Conta Moure que, no Portelo, unha aldea de paso para ir ás feiras entre O Bierzo e Cervantes, un home morreu nunha pelexa e a cabeza caeulle da banda leonesa, e os pés, da galega. "Os xulgados de Galicia e León non se poñían de acordo para ver quen levantaba o cadáver. Os máis vellos da zona deron a solución: Galicia tiña que facerse cargo porque fora onde lle quedaran os pés ao morto, e dicían que os pés ían sempre para onde lles mandaba a cabeza", conta Moure.
Agora son Patrimonio dos Ancares e Rente ao Couce os que pensan que, se a cabeza funciona ben, os pés dos veciños terían que pisar mañá a Feira do 12.