Un documento de 1768 permite atopar novos petróglifos en Cervantes

Fai referencia á Pedra das Ámboas e sitúaa preto do río de Xunquiñas
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Un dos petróglifos achados. EP

Patrimonio dos Ancares acaba de atopar un novo grupo de petróglifos no concello de Cervantes, un achado no que resultou clave un documento de 1768, segundo resalta o colectivo.

O seu presidente, Xabier Moure, explica que ese escrito fai referencia á Pedra das Ámboas e sitúaa preto do río de Xunquiñas. "O achado podemos consideralo causal xa que, atendendo ao topónimo, buscabamos unha pena con pías a xeito de tinas ou vasillas; de feito, 'ámboa' era un termo usado en varias zonas dos Ancares para designar un recipiente grande para conter líquidos", detalla.

Moure sinala que foi nesa pena con dúas grandes pías onde localizaron estas novas gravuras, cunha antigüidade que, segundo a asociación, podería rondar os 4.000 anos. Con este, xa son 23 os grupos de petróglifos documentados por Patrimonio dos Ancares no concello de Cervantes, entre eles un no pico Mustallar, a 1.875 metros, que é o descuberto a maior altitude en Galicia. O colectivo cifra en 324 os xacementos deste tipo existentes na provincia.

Comentarios