sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Dios Ke Te Crew rodou o seu último videoclip na Fonsagrada e Negueira

Os rapeiros, nunha lareira con veciños da Fonsagrada. EP
Os rapeiros, nunha lareira con veciños da Fonsagrada. EP
Xaime Miranda, o realizador fonsagradino de referencia para a música independiente, levou o grupo á aldea dos seus avós para dar imaxes a un tema que reivindica a volta ao mundo rural

"Ocupar o muíño. Foder cos pés no río. Non pagarlle un puto peso a Fenosa se pasas frío. Quentado polo lume da lareira sonche independente". A histórica banda de rap galega Dios Ke Te Crew quixo reivindicar con estas palabras a volta a unha vida que aínda latexa nalgúns lugares de Galicia no seu tema Reinicio. Quixo tamén que o videoclip desta canción que pertence a O ciclo da serpe estivese pegado ás palabras. Encargáronllo ao fonsagradino Xaime Miranda, realizador de referencia para a música independente en Galicia, e o resultado non podía ser outro.

Co obxectivo de dar ese "paso á fronte para avanzar para atrás", como di o rap de Dios Ke Te Crew, Miranda levounos á Fonsagrada e a Negueira de Muñiz, e tamén algún plano se perdeu polos Oscos e por Ordes. El tamén quixo acompañar ese xesto de volver, e por iso neste vídeo non só meteu os seus amigos ou veciños polo medio -como acostuma facer-, senón que os levou á aldea dos seus avós, A Fornaza.

Galiñeiros, casas ou lareiras son algúns dos escenarios elixidos por Miranda, que sempre implica aos veciños dos lugares nos que traballa

O pai de Miranda botou unha man coa pirotecnia dunha escena. Tíos, primos segundos, tamén tiveron o seu lugar. É certo que algúns veciños danse mellor coas cámaras ca outros. Neste caso, a artesanía de Tita Blanco, veciña de Vilarello, cos enormes butelos de estómago xa fora rodada polo Discovery Channel, conta Miranda, e non lle foi nada difícil.

Hortas, galiñeiros, casas... e a neve, que fixo a súa aparición estelar, cambiou o guión da rodaxe e obrigoulles a voltar outro día. "Quedaron uns planos moi chulos. O mellor é sempre o imprevisto", pensa o realizador.

A data de estrea do vídeo en Youtube, aínda que non está marcada, non queda lonxe. Será o segundo que Xaime Miranda faga para este grupo de rap, e nada ten que ver co primeiro, rodado na Mariña, onde vive actualmente. Se en Melancolía era a visión do apocalipse a que se impoñía, como no filme homónimo de Lars von Trier, neste segundo videoclip a forza vital semella voltar dalgunha lareira da Fonsagrada, onde é posible estar "cos pés na terra en busca da felicidade", como di a letra. Meigas fóra!

Dios Ke Te Crew rodou o seu último videoclip na Fonsagrada e Negueira
Comentarios