Día histórico para Pedrafita coa inauguración da súa residencia, moi esperada

O xeriátrico leva o nome de Manuel Villasol, extenente de alcalde, que será un dos seus primeiros usuarios nos vindeiros días
Manuel Villasol, acompañado polo seu neto. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Manuel Villasol, acompañado polo seu neto. VICTORIA RODRÍGUEZ

Día histórico para Pedrafita do Cebreiro. Así o afirmou este venres, sen agochar a emoción, o rexedor municipal, José Luis Raposo, na inauguración da residencia de maiores pola que levan "anos loitando". Fíxoo co presidente da Deputación, José Tomé, que loou o tesón do rexedor municipal e celebrou "o compromiso cumprido da institución provincial". Recordou que este é o terceiro centro desta rede que abre neste mandato.

A residencia de maiores leva o nome de quen foi durante 30 anos tenente de alcalde municipal no goberno de Raposo, Manuel Villasol, que será, ademais, un dos primeiros usuarios que comecen a vivir no lugar a partir da semana que vén. Presente no acto de inauguración, o tamén expresidente da antiga oficina agraria comarcal en Pedrafita valorou un recoñecemento que "non imaxinaba". Aos seus 90 anos, Villasol lembraba os tempos de construír a estrada "coas mans" dende a súa aldea, Louzarela, até a vila. Hoxe, parécelle tamén un soño cumprido este servizo para un municipio polo que loitou e traballou "sen descanso", tal e como indicou o alcalde.

"Poder vivir aquí é moi importante", comentaba Villasol. Pero todas estas palabras pronunciounas en conversa informal. Na presentación das instalacións quen interveu foi o seu neto, Raúl Villasol, que agradeceu o xesto de dedicarlle o nome do inmoble, ben visible xa no centro da vila. "Non podía levar outro", manifestaba José Luís Raposo.

Á inauguración da residencia de Pedrafita acudiron onte ducias de veciños e veciñas, que puideron percorrer unhas instalacións que contan con 30 camas e 20 prazas como centro de día, e que supuxeron un investimento de dous millóns de euros para a Deputación e de medio millón para o Concello, ademais de "moito traballo e implicación do equipo técnico do Concello e da Deputación", resaltou o alcalde.

Pola súa banda, Tomé destacou o labor da entidade provincial en materia de servizos sociais. "O modelo de residencias provincial está centrado nas persoas, non no negocio. Non buscamos gañar cartos, senón garantir este servizo", comentou. Na presentación tamén afeou que a Xunta "non aportase fondos ás residencias, a pesar de seren os servizos sociais competencia autonómica". Porén, Tomé reiterou que "manteremos o compromiso de apertura destes centros", e que, se xa están en funcionamento Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, este ano abrirán as de Meira e Navia de Suarna.

O presidente provincial tamén destacou a repercusión económica que terá o novo servizo no concello, coa creación de novos postos de traballo, "case tantos como número de usuarios, o que axudará a fixar poboación no rural", indicou.

Os usuarios, veciños do municipio e da comarca, entrarán a partir da próxima semana, para que a partir do 15 de xuño o centro estea xa a pleno funcionamento.

Comentarios