O desenvolvemento rural e o silvopastoreo, a debate na Casa Quindós de Oliver Laxe

As xornadas, organizadas pola Deputación coa colaboración da USC, a asociación SER e a SGPF, celebraranse do 25 ao 27 de xuño en Vilela
Presentación das xornadas nos xardíns de San Marcos. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Presentación das xornadas nos xardíns de San Marcos. VICTORIA RODRÍGUEZ

O centro de dinamización rural e cultural que Oliver Laxe impulsou na aldea naviega de Vilela, a Casa Quindós, acollerá os días 25 e 26 de xuño as primeiras Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural, e o día 27, a VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF). O evento foi presentado onte nos xardíns do Pazo de San Marcos pola deputada de medio rural, Mónica Freire, á fronte da área provincial organizadora do evento, e polos representantes das entidades colaboradoras: Monserrat Valcárcel, vicerreitora da USC en Lugo; Joan Alibés, presidente da SGPF, e o mesmo Oliver Laxe, da Asociación SER.

Os relatorios comezarán o día 25 cunha mesa moderada por Mar Pérez Fra, catedrática de Economía Aplicada na Escola Politécnica Superior. Participarán nela Pablo Iglesias, xefe do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo; Xosé Luís Reza, do programa de apoio a empresas agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, e Manuel Redondo, da Red Terrae. Na mesma mañá Joan Alibés presentará a Neus Monllor, consultora da Red de Espacios Test Agrarios. Pola tarde, Laxe intruducirá as intervencións de Fernando García Dory, creador do proxecto INLAND, que vencella artes e territorio, e Alberto Uría, de El País del Abeyeiro, en Negueira de Muñiz.

EXPERIENCIAS LOCAIS. A creadora de Leiras e Marcos, Laura Pardeiro, moderará unha mesa sobre novos veciños e iniciativas na Montaña, na que participarán Pascal Encinga, permacultor; David de Poso, gandeiro da Carqueixa; Hugo Santín, de Melosa; Silvia Saavedra, da casa niño Argalleiros; Héctor e José Álvarez, viticultores de Coea; Manuel Gutiérrez e Mireia Rodríguez, produtores da cervexa Colmo, e Ana Pérez, publicista dende Pontes de Gatín. A xornada do 25 rematará cunha presentación dos proxectos da Casa Quindós.

O sábado 26 Eloi Villaga, fundador da SGPG, presentará o relatorio de Jaime Izquierdo, integrante do comisionado para o reto demográfico en Asturias. A continuación, Juan Alibés moderará unha mesa cos alcaldes da Veiga e Somiedo, e co técnico de medio ambiente de Allariz. Despois do xantar, Román Sánchez Besteiro, xerente de A Carqueixa, presentará a participación de Fe Álvarez, xerente do GDR3 Montes e Vales Orientais, e el mesmo será presentado por Laxe para expoñer a iniciativa de O Sabor dos Ancares. A xornada finalizará cunha demostración de maquinaria agrícola de montaña, á que seguirá un concerto de Davide Salvado e Fransy González.

O domingo 27 a reunión da SGPF leva por título "O cabrún como alternativa de aproveitamento do monte nos Ancares". Rosa Mosquera, catedrática da USC especialista en silvopastoreo, será a encargada de inaugurar unha xornada que contará coa participación doutros especialistas e pastores, e que rematará con visitas a granxas da zona.

Freire vencellou estas xornadas ao plan de prevención de incendios provincial O que non arde. "A ordenación do territorio é un piar fundamental para un rural vivo", indicou. Pola súa banda, Laxe celebrou un programa que parte do seu "compromiso co sector primario" e a partir dun encontro entre a "mirada especializada" e as "experiencias produtivas locais". Alibés defendeu un "debate importante nun momento no que temos necesidade de gando nos montes". Valcárcel confirmou "o compromiso dun Campus Terra que, coma o seu nome indica, está apegado ao territorio", e anunciou que "esta será a primeira das colaboracións co proxecto de Laxe".

Comentarios