viernes. 24.09.2021 |
El tiempo
viernes. 24.09.2021
El tiempo

A Deputación edita unha guía da Montaña lucense

Un momento do acto de presentación da guía na Fonsagrada. EP
Un momento do acto de presentación da guía na Fonsagrada. EP
O obxectivo é dinamizar o turismo dos Ancares e Terras de Burón

A Fonsagrada acolleu o xoves a presentación da campaña turística Déixate Marabillar! Ven a Ancares e Terras de Burón. A iniciativa está organizada polo xeodestino desta zona, que traballa para publicitar o potencial turístico dos dez concellos que a integran -Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín-.

Dentro do proxecto inclúese a edición dunha guía de experiencias editada pola Deputación Provincial de Lugo. A publicación recompila a oferta de recursos turísticos e hosteleiros da rexión. Ademais contén información sobre os produtos da zona, receitas tradicionais, as rutas xacobeas ou a paisaxe. Os 300 exemplares que se imprimiron estarán dispoñibles nas oficinas do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), nas casas consistoriais dos municipios que integran o xeodestino e na oficina de turismo da Fonsagrada.

No acto, ao que asistiron profesionais do turismo e da hostelería da contorna, estiveron presentes o presidente do xeodestino Ancares- Terras de Burón, José Fernández, máis representantes dos demais municipios e da Deputación.

José Tomé, presidente da institución provincial, amosouse optimista coa iniciativa e sinalou a dobre función da publicación: "Axudar á recuperación económica fronte ao impacto da pandemia e consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, e de experiencias como unha vía de futuro para o desenvolvemento da provincia».

Tomé reflexionou tamén sobre a alta capacidade de adaptación do modelo de turismo que propón o xeodestino ás demandas da sociedade, cambiadas tras o paso da pandemia. Segundo explicou, esta é unha oferta turística que "polas súas propias características evita as masificacións e busca a experiencia persoal, o desfrute tranquilo dunha ruta personalizada ao gusto do visitante".

Ademais desta campaña tamén se está a desenvolver unha páxina web para a promoción dos recursos do territorio impulsada polos propios concellos.

A Deputación edita unha guía da Montaña lucense
Comentarios