Denuncian que o servizo de urxencias de Cervantes estivo sen médico durante un día

Protección Civil pregúntase por que se deu esa ausencia e non se lle comunicou á veciñanza, ademais de preocuparse por se volver ocorrer
Protección Civil percatouse ao acudir a un accidente na LU-P-1401. EP
photo_camera Protección Civil percatouse da ausencia de persoal ao acudir a un accidente na LU-P-1401. EP

Membros de Protección Civil de Cervantes reproban que o Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade permanecera sen persoal médico durante toda unha xornada, en concreto a do domingo día 9, e pregúntanse cal é o motivo polo que se puido dar esta situación, que "non era a primeira vez que ocorría", segundo puideron saber.

Relatan que se percataron da ausencia de sanitario cando, nun accidente ao que acudiron e despois de que a ambulancia marchase ao centro hospitalario cunha persoa ferida, outra das implicadas nos feitos sufrira un ataque de ansiedade.

O servizo estivo sen atención desde as 8.00 ata as 22.00 horas, o horario habitual dos domingos

"Chamamos ao PAC e non había médico, e iso que aconteceu sobre as 13.00 horas", explican desde a agrupación de Protección Civil, que aínda que "entendemos que os médicos son persoas e lles poden xurdir imprevistos", cuestionan o feito de que non se cubrise esa praza ou, polo menos, "se lle comunicase á veciñanza que alí non había ninguén".

Deste xeito, o servizo de urxencias cervantego, que cobre un municipio extenso e de poboación envellecida, permaneceu sen atención desde as 8.00 ata as 22.00 horas, o horario habitual dos domingos. "E se algún veciño sofre un corte ou un accidente, que pasa? Chega alí e perde o tempo, tería que marchar para outro PAC ou para o Hula. Isto non ten moita xustificación", aseguran, ao tempo que mostran a súa preocupación por se se volva repetir o caso.

Comentarios