jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Cruzul, a ponte que mira a súa historia

undefined
Maqueta que se pode ver na entrada da casa consistorial. SABELA FREIRE
O Concello de Becerreá exhibe unha maqueta que recrea o monumento polo que o municipio sería coñecido como ¡o terror do gabachos'

Se hai unha ponte que une a historia coa lenda na provincia de Lugo, esa é a de Cruzul, no municipio de Becerreá. Carlos III encargoulle a súa construción ao enxeñeiro de moda da época, de orixe francesa, Carlos Lemaur, no marco do seu proxecto de artellar unha rede radial de camiños reais que enlazasen as primeiras cidades do reino -neste caso, Lugo, A Coruña e Ferrol- coa súa capital. O trazado, xa naquela altura, fora ben cuestionado.

undefined

Tanto que disque a raíña Isabel II, cando viaxou a Galicia para inaugurar un tramo da Nacional VI -que até os anos 60 pasaba por riba dela-, laiouse ao seu paso por non ver obra tan custosa dende o Palacio de Oriente de Madrid. Queixas de reis. Á súa figura quedou vencellada esta infraestrutura, considerada unha das primeras obras de enxeñería civil moderna do Estado e a única da provincia de Lugo do periodo neoclásico.

Pero os eventos máis asociados con esta ponte son os acontecidos na Guerra da Independencia. Pola ponte de Cruzul retiráronse as tropas inglesas do xeneral Moore cara A Coruña, como ilustrou Adam Noel en 1809 no seu libro 'Letter from Portugal and Spain', editado en Londres en 1809.

E tamén nesa ponte quere situarse a batalla contra os franceses de guerrilleiros e veciños da zona, que fixeron que Becerreá fose coñecida pola súa resistencia ante os invasores. Pois inda que esta só teña nos libros como protagonistas en Galicia as batallas de Elviña e de Ponte Sampaio, en Becerreá tamén se loitou contra o exército galo.

Dende hai uns días, na casa do Concello pode verse unha recreación desta batalla na que os becerrenses fixeron escorrentar a aquel exército considerado invencible. O alcalde, Manuel Martínez, encargou a maqueta para lembrar ese feito que permeou a historia de Becerreá até hai moi pouco tempo, ou incluso até hoxe.

O impacto. Está documentado que os veciños, fartos do espolio, saqueo e ultraxe do exército inimigo, fixéronse coas armas que as tropas napoleónicas agochaban baixo a Ponte de Cruzul, preto de 1.000 fusís.

Entre a historia e a lenda, dícese en Becerreá que estes fusís, xa pasada a contenda, serviron para canalizar as augas ás cociñas de todas as casas. Entre a historia e o traxe que facemos con ela, na vila existe o bar Os Chafarotes, que leva o nome deses sables longos que si, tamén chegaron a cubrir as paredes do bar.

E aínda nos anos 70 deste século nos entroidos de Becerreá era posible ver mozos e mozas disfrazados como gabachos, ou guerrilleiros, cos chafarotes cos que os seus antepasados se fixeran naquela ponte de Cruzul. Como tamén era habitual, até non hai moito, que os nomes de Soult ou Ney -dos mariscais franceses- fosen elixidos na zona para chamarlles aos cans.

Un documento único. Dunha xeración a outra tamén pasou o diario do cronista das tropas napoleónicas que gardara Gabriel Fernández, cuxa figura quedou na historia como 'o terror dos gabachos' pola súa bravura contra os franceses, inda que na Montaña fosen moitos os que acabasen por merecer ese título. Conta Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares, que a oposición á invasión francesa tamén conseguiu unir, nun feito sen precedentes, a clérigos e fidalgos co campesiñado.

As anotacións do capitán Gerard recollen os acontecementos sucedidos entre febreiro de 1807 e maio de 1808. 'O terror dos gabachos' teríase quedado con el tralas contendas. Despois do interese de varias institucións, o documento segue na casa familiar dese home que pasou a formar parte do imaxinario da vila. "Temos intención de expoñer ese documento en Becerreá", comenta Manuel Martínez, que afirma contar co apoio da familia onde se atesourou por máis de 200 anos.

undefined

Da moita literatura á volta deste episodio na zona, cóntase que os franceses quixeron dinamitar a ponte para impedir o paso das tropas de Moore, pero tamén o contrario, que foron os ingleses os que quixeron voala para retrasar o paso das tropas invasoras. E talvez algo haxa de certo, pois se hoxe a ponte ten tres arcos, consérvase aquela primeira lámina na da ponte na que foi debuxada con catro. Por se non había misterio abondo. Aínda que, conta Moure, está comprobado que a ponte non foi dinamitada e que, de reconstruírse posteriormente, sería por outras causas.

Un monumento único que agarda a súa declaración como BIC

Todo este murmurio dun lado a outro do río Cruzul dá forma agora a esta maqueta que A Ponte de Cruzul agarda dende hai xa máis dunha década a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

O Concello de Becerreá solicitou este recoñecemento á Xunta no ano 2009, pero non obtivo resposta. No mes de outubro de 2015 foi o colectivo Patrimonio dos Ancares o que volveu dirixir esta solicitude, e naquel momento o Goberno autonómico xustificou que o trámite correspondería ao Ministerio de Fomento por ser esta ponte trazado da N-VI.

Transcorridos catro anos sen resposta do Estado, no mes de outubro de 2019 dende Patrimonio dos Ancares fixeron unha nova solicitude, pero dirixida á Dirección General de Bellas Artes do Ministerio de Cultura.

Nun informe de 23 páxinas, ademais da descrición, da arquitectura, historia, lendas, tradicións e estado de conservación, o colectivo xustificou unha petición que defende o valor e singularidade desta infraestructura.

A comezos deste ano, ante a demora na contestación, o colectivo púxose en contacto co deputado do BNG, Néstor Rego, que no mes de febreiro instou á Comisión de Cultura a urxir ao Ministerio que iniciase os trámites, algo que, ao parecer, e segundo indican dende Patrimonio dos Ancares, xa se fixo.

Neste momento está pendente dalgún informe para ser declarado, ou non, BIC. O Concello de Becerreá tamén afirmou que retomaría o contacto co Ministerio de Fomento a finais do verán. características.

A ponte de Cruzul, de estilo neoclásico, ten unha lonxitude de 93 metros, unha altura de 29, e un ancho de calzada de oito metros. Os seus tres arcos despréganse con doelas de pedra calcaria, material que tamén se empregou no resto da ponte. As obras inicáronse entre os anos 1776 e 1778, e o colectivo ancarés indica que a meirande parte dos investigadores concordan en que a finais do XVIII xa estaría en funcionamento, no reinado de Carlos IV.

É a ponte mellor documentada da comarca, sendo a única das consideradas históricas da que se conservan os planos orixinais do ano 1765, no Arquivo de Simancas.

Proxectos: unha festa de recreación 
O Concello de Becerreá ten o proxecto de promover unha festa de recreación histórica destes episodios. O evento estaba pensado para o 2020, pero coa pandemia non foi posible celebralo. O alcalde, Manuel Martínez, indicou que a idea se poñerá en marcha cando a situación se estabilice.

Detalles

A recreación celebraríase na última semana do mes de maio, coa concentración e levantamento do campamento militar na zona da carballeira, a retirada das topas inglesas na ponte de Cruzul e as escaramuzas entre o exército francés e os veciños. As actividades estarían acompañadas dunha exposición didáctica.

Cruzul, a ponte que mira a súa historia
Comentarios