Se eu fose alcalde...

"Creo no potencial do noso concello e defendo un proxecto para recuperar movemento e vida, sen que haxa que marchar das zonas pouco poboadas"

Raúl Pérez Álava. EP
photo_camera Raúl Pérez Álava. EP
Raúl Pérez Álava
Candidato do PP en Navia de Suarna
Idade: 41 anos
Lugar de nacemento: Rao (Navia de Suarna)
Primeiro ano como candidato: 2023


Raúl Pérez Álava, gandeiro de profesión e un defensor incansable do rural, encabeza a lista do Partido Popular en Navia de Suarna. Recoñece que foi unha decisión moi meditada pero que a tomou convencido para dar unha alternativa real ao actual goberno socialista que, durante os últimos anos, non foi capaz de xestionar ningún proxecto que tivese un beneficio claro para os veciños e veciñas deste municipio situado en pleno corazón da Montaña lucense.

O alcaldable considera que Navia de Suarna ten unha gran riqueza natural e recursos que se deben protexer e potenciar para convertelos en fontes de crecemento económico e social. "Creo no potencial do noso concello e defendo un proxecto para recuperar certo movemento e vida para que non haxa que marchar das zonas pouco poboadas". 

Nese sentido, afirma que "non hai nada que me encha máis de orgullo que traballar xunto ao meu equipo para impulsar o noso territorio e servizos a tódolosveciños e veciñas". A este respecto, manifesta que o proxecto político que lidera e representa é serio e centrado no territorio. Por iso, apostar por impulsar iniciativas e medidas destinadas a implantar negocios, crear emprego e garantir servizos aos veciños e veciñas de forma que se asente poboación no municipio, centrarán a súa folla de ruta.

"Coa implicación de todos e a posta en marcha de políticas axeitadas, podemos conseguir que unha zona de montaña e pouco poboada coma a nosa sexa un lugar atractivo para vivir". O popular fai esta afirmación porque el é o claro exemplo de que isto é posible. Viviu en Barcelona pero dende hai anos retornou á súa parroquia natal para poder emprender nela seu proxecto de vida. Así, e con moito esforzo e traballo, foi construíndo o seu futuro en Rao, xunto á súa familia, e vinculando a súa actividade económica á explotación de gando vacún de carne que actualmente rexenta.

Emprendemento o para evitar a perda de poboación

Concorre ás eleccións municipais do 28 de maio avalado por un proxecto político destinado a frear a sangría demográfica que tanto acusa Navia e o resto de municipios da Montaña. Preguntado por iniciativas concretas para reverter esta situación, este mozo gandeiro teno claro: "o Concello ten que ser un aliado e non pode seguir alleo a este gran problema que temos". 

Para iso, o candidato popular á alcaldía de Navia de Suarna aposta por deseñar políticas que apoien o emprendemento e favorezan o asentamento de empresas, xa que ambas as dúas cuestións levan aparelladas necesariamente a creación de emprego.

Potenciar o produto propio

Revitalizar o municipio pasa, indiscutiblemente, tamén por potenciar o sector agroagandeiro e os produtos propios. "En Navia temos produtos de altísima calidade. Garantir que sexan rendibles economicamente debe ser unha máxima para o goberno local que saia das urnas en maio", asevera con rotundidade. 

Mellores servizos

O alcaldable popular centrará tamén a súa acción de goberno na mellora dos servizos. "Por todos é coñecido o problema que ten o noso pobo co a potabilidade da auga. Por tanto, creo que debemos traballar para dotar a Navia dunha rede de saneamento e de subministro axeitada que debe ir parella –di– á mellora de accesos e das comunicacións que temos".

Navia, territorio de oportunidades

A riqueza paisaxística e medioambiental deste municipio ten, en palabras de Raúl Pérez, un incalculable valor pero, sen embargo, non existe unha programación que permita poñela en valor. "Entendo o medio ambiente como unha oportunidade económica, xa que se o potenciamos, aumentando a oferta turística, contribuiremos a que cada vez máis xente nos visite, nos coñeza e consuma no noso pobo. Creo que é un nicho económico que está sen impulsar e que para min é un reto apaixoante", advirte.

O candidato explica tamén que aumentar a actividade cultural e deportiva será unha tarefa que aboradará se acada a confianza dos naviegos e das naviegas, así como a posta en valor do elementos patrimoniais que posúe o concello e unha maior dinamización de iniciativas xa existentes como a Festa da Androlla. 

Navia2
Oportunidade
O Partido Popular, 'exemplo de xestión'
Raúl Pérez Álava cre que "é o momento de dar paso a un goberno do Partido Popular centrado en Navia de Suarna e nas necesidades dos nosos veciños e veciñas". O candidato do PP á alcaldía deste municipio de A Montaña sinala que "dende que non gobernamos, vemos claramente os resultados. Se seguimos apoiando o mesmo goberno, teremos máis do mesmo. Por iso pensamos que hai que cambiar o goberno e dar a oportunidade ao Partido Popular de facer as cousas doutro xeito durante catro anos", explicó. "Proba delo, é que co Partido Popular na Xunta de Galicia, a administración autonómica achegou só nos últimos catro anos algo máis de 7,9 millóns de euros a Navia de Suarna; investimento que foi dirixido a diferentes ámbitos: medio rural, fomento do emprego, mantemento dos principais servizos sociais domunicipio, mellora de infraestruturas e cooperación co Concello".

Comentarios