miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

A cooperativa Outonía leva a educación social ao rural

Paula Carreira,Araceli Macías e Tania Sánchez.EP
Paula Carreira,Araceli Macías e Tania Sánchez.EP
Tres mulleres de tres serras galegas uníronse para vivir da súa vocación nos seus territorios

Outonía é esa herba que nace despois da sega, e tamén o tempo de encher a casa de provisións para o inverno. Paula Carrera, Araceli Macías e Tania Sánchez chamáronlle así á cooperativa que puxeron a andar en febreiro deste ano. Talvez porque o seu facer ten moito que ver con ese aproveitamento dos recursos, cos vínculos co territorio, cun ollar común da educación social dende e para as tres montañas que se enlazan no seu proxecto, con Paula Carrera dende O Courel, Araceli Macías dende Trevinca e Tania Sánchez dende Manzaneda.

Antes ca socias, foron amigas. As tres estudaron Educación Social en Compostela, as tres coincidiron en distintos espazos formativos e de activismo, as tres aseméllanse nos seus proxectos de vida. As inquedanzas sobre os seus territorios ou os desexos de facer cousas neles eran o tema recorrente de moitas conversas.

Outonía foi, para elas, unha utopía, que pouco a pouco se fixo realidade co ritmo do lume lento e consensuado que defenden ante as velocidades impostas do mundo. Así, despois de dous anos fraguando esas imaxes tan coidadas, esas narrativas ben fiadas que vemos nas súas redes, despois de asumir o risco de investir nun proxecto propio o seu tempo, comezaron a andar en febreiro de 2021.

A utopía era a seguinte: vivir da súa vocación nos lugares onde entenden a súa vida. E que a súa vocación, a educación social, fose tamén un dereito nos mesmos, nesas montañas tan maltratadas polas administracións en canto a servizos se refire. Inda que a súa prioridade é traballar nelas, Outonía expándese por todo o rural das provincias de Lugo e Ourense con distintas iniciativas.

Nestes meses de andaina, teñen levado a cabo proxectos como a recollida de memoria das mulleres da Veiga e numerosos obradoiros de lecer comunitario ou de afectividades e sexualidades. Agora mesmo, están a piques de iniciar talleres coas anpas dos colexios de Folgoso do Courel, O Incio e San Clodio de Ribas de Sil. Tamén están elaborando un informe sobre a fenda dixital nos estudantes do rural para Axuda en Acción.

"Nós non ensinamos, tamén aprendemos. Somos aprendices da memoria dos lugares que habitamos"

Conta Paula Carrera que aínda teñen que explicar moitas veces que é a educación social, que ela define como unha educación que non é a académica, onde se abordan cuestións emocionais, de xénero ou ambientais, entre moitas outras que tantas veces quedan nas marxes do currículo pero que son necesarias para vivir mellor. Iso tamén explica que non lles faltase traballo dende o primeiro momento, que as comunidades —das propias administracións locais a asociacións ou colectivos— perciban a súa importancia, máis nestes tempos.

"Queremos tender un fío entre as serras orientais de Lugo e de Ourense, entre O Courel, Trevinca e Manzaneda"

OS COIDADOS. Basta botar un ollo á súa páxina web para saber que esa educación social tamén é guía das súas relacións dentro da cooperativa. Conta Paula que unha das áreas de traballo da mesma é a xestión emocional, o coidado das súas integrantes. Conscientes de que moitos proxectos fracasan por non seren quen de aplicarse a si mesmos os principios que queren trasladar ao mundo, Outonía comeza por elas mesmas, por teren un espazo donde verbalizar, coidar, formular e reformular. Neste sentido, a terapia do reencontro é un dos alicerces que sustentan a súa práctica, igual que o son os transfeminismos, os ecoloxismos ou as pedagoxías socioafectivas e do xogo. Tamén beben de proxectos como Feitoría Verde, Arabías, Atalaia Social, entre moitos outros.

"Para nós, vivir no rural é un acto político, e defender a educación social neste lugar e dende este lugar tamén o é", conta Paula. "Por suposto, nós aquí non só ensinamos, senón que tamén aprendemos, somos aprendices da memoria inmaterial dos territorios nos que traballamos", conta. Por iso, levan consigo esa memoria alá onde van. E pronto tamén agardan programar actividades no espazo de convivencia e turismo rural A Casa das Tecedeiras, que lidera o compañeiro de Paula na aldea de Vieiros. Chega o outono e con el, a outonía, para que o tempo corra mellor.

A cooperativa Outonía leva a educación social ao rural
Comentarios