Un conto para chegar a Piornedo

As veciñas desta aldea dos Ancares gravaron a súa voz falando dunha vintena de lugares, unha memoria á que se pode acceder in situ cun QR, ou dende a casa, a través dunha web
Veciños de Piornedo, na lareira dunha das pallozas. EP
photo_camera Veciños de Piornedo, na lareira dunha das pallozas. EP

Pois ir, vaise pola estrada de Navia. Tamén, cando o tempo o permite, pola da Campa da Braña. Ou por Suárbol, dende León. Pero chegar a Piornedo é outra cousa. Chégase por un conto, o de Lola do Ancho, que dá forma ao teixo milenario que abraia a quen se achega á vila: que se as meixugas —os froitos— son deliciosos, sempre que non se mastigue o grouño —o óso—; que se os da aldea de Donís estiveron anos sachando para atopar o ouro dos mouros que gardaba a súa raíz —até cansar ou, quen sabe, atopar—; que se teixeiro é o nome da asociación máis antiga da aldea.

Pois si, é así como se chega, coa porta que as veciñas de Piornedo abriron nunha vintena de lugares cun código QR, cada un cunha voz, e cada voz cun conto, ou dous, sobre a fonte do Marelo, sobre a aira do Ancho, sobre a pedra plana, sobre a palloza museo Casa do Sesto ou sobre o cuarto de Chis. A toda esta memoria oral pode acceder in situ quen alí chega por algunha das vías máis altas da provincia, pero tamén se pode viaxar dende a casa, coa páxina www.descubrepiornedo.org.

A iniciativa das tres asociacións da aldea —a veciñal, a de recuperación dos teitos e a de propietarios do monte abertal— foi levada a cabo cunha das axudas da Deputación para entidades que traballan nas reservas da biosfera, neste caso a dos Ancares. Para as veciñas, trátase dunha maneira máis de pór en valor aquela memoria "da que non falan os libros", como conta Isolina do Viso na presentación, e tamén de "reivindicar o coidado do patrimonio que temos", o conxunto de pallozas máis grande de Europa, que cada ano sofre a falta de axudas da Xunta, e que a implicación veciñal trata, a duras penas, de compensar coa recuperación do cultivo do centeo.

undefined
O mural de benvida á aldea, feito por Ana Santiso. EP

Tiña que ser un conto o que abrise a porta para entrar, o mesmo que senta á xente a carón do lume onde todo se coce. Tiña que ser Celtia do Viso a que contase dese novo mural na escola que di Benvidos a Piornedo, terra de fidalgos, da ilustradora Ana Santiso e no que todos botaron unha man. "Non queremos reivindicar con isto un tempo de privilexios nin de castas que afortunadamente quedou atrás, senón sacar á luz algún dato da nosa historia", conta. E o dato aportouno o investigador Clodio González, que documentou a abundancia excepcional da fidalguía nesta zona, non a recoñecida por reis con cartas executorias, senón por seren poboacións illadas ás que non chegaran os árabes. "Díxonos que tiñamos que poñer un cartel así, e pareceunos interesante", di Celtia. Para dar a benvida, si, a quen queira chegar.

Comentarios