Conservar o río Donsal sen axuda

A Asociación Castaño y Nogal leva máis dunha década protexendo o patrimonio dos Ancares
 
2020072414141638527
photo_camera De esquerda a dereita: Álex Varela, voluntario; José Gil, director técnico; Antonio Álvarez e Luis García. EP

A asociación Castaño y Nogal leva máis de 10 anos dedicada á conservación do patrimonio natural dos Ancares, en concreto do localizado na zona de Quintá de Cancelada, no municipio de Becerreá, onde tamén se sitúa a súa sede. Este labor é desenvolvido sen apenas axudas institucionais, algo que levan denunciando desde a súa creación.

Antonio Álvarez, presidente do colectivo, aproveitou a rolda de prensa de presentación do Work Camp 2020 celebrada venres para denunciar a falta de implicación por parte da Xunta e da Deputación de Lugo. Como a asociación explica nun comunicado, este é o segundo ano que se "envía un S.O.S" ás administracións competentes.

A falta de apoio económico provocou que, no pasado, membros da xunta directiva tiveran que solicitar un crédito para facer fronte á organización das actividades da asociación. Desde hai tres anos, Castaño y Nogal recibe unha subvención 'simbólica' por parte da Deputación, de apenas 2.000 euros anuais. Antonio resalta que, de entre todos os colectivos beneficiarios, "somos de los pocos que trabajamos por un bien común" e, a pesar disto, lamentan recibir unha cantidade tan baixa.

Pero o nulo apoio institucional non se limita ao ámbito económico. Álvarez acudiu en reiteradas ocasións a diferentes persoeiros do goberno tanto estatal como autonómico e provincial sen obter resposta. A única entidade que apoia a causa é o Concello de Becerreá.

O silencio das autoridades é aínda máis significativo se se ten en conta que o Work Camp Medioambiental, unha das principais iniciativas do colectivo centrada na conservación do entorno natural da ruta Quintá-río Donsal, foi recoñecido cun accésit do Premio á Paisaxe da Fundación Juana de Vega en 2019, ademais de ser finalista dos Premios Patrimonio Cultural da UE en 2013 e 2017.

O director desta edición do Work Camp e do Centro de Promoción Rural Fonteboa, Luis García, asegurou que a finalidade tanto do centro educativo como do Work Camp é "dinamizar o medio rural a través da inserción laboral dos mozos". A asociación fixo fincapé no seu carácter 'apolítico', afirmando que "el medio ambiente no entiende de partidos".

Comentarios