domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

Os concellos da Vía Künig, á espera

O Cebreiro sen peregrinos. XESUS PONTE
O Cebreiro sen peregrinos. XESUS PONTE
Pedrafita, As Nogais, Baralla, Becerreá e O Corgo respiran unha certa normalidade marcada pola leve incidencia do Covid-19. Iso si, as rutas xacobeas que os conectan terán que agardar un tempo antes de volver acoller peregrinos 

Pedrafita, As Nogais, Baralla, Becerreá e O Corgo son os concellos polos que seguen os pasos da Vía Künig antes de chegar a Lugo, nesa variante da ruta xacobea que tivera un pulo nos últimos tempos por iniciativa conxunta dos municipios, e que actualmente atópase en fase de elaboración do informe co que albiscará conseguir o recoñecemento oficial da Xunta.

Esa vía, como tantas outras cousas, quedou agora suspendida no tempo. Os municipios celebran a leve incidencia do virus. Iso é o principal. Na véspera dun ano xacobeo, aínda non está claro cando se poderá viaxar ou retomar as peregrinacións. O Cebreiro, un dos puntos máis emblemáticos do Camiño Francés, segue baleiro. Para José Luis Raposo, alcalde do municipio, a prioridade agora é, na marxe que permiten as competencias municipais, "garantir o emprego dos veciños e que a ninguén falte o básico", comenta. O resto, xa virá. "Ata que non haxa unha vacina non sabemos se é bo que veña xente de fóra. Non hai que adiantarse", indica.

"Iso si, oxalá despois disto a xente se lembre de que o rural é necesario", afirma. "Precisamos moitas vías distintas para poder facer posible a vida aquí, e tamén servizos, pois agora somos os humanos os que estamos en perigo de extinción no rural. Tamén para promover o turismo ten que haber xente vivindo aquí", di.

Supermercado en Baralla. XESÚS PONTE

O Concello das Nogais estaba facendo un obradoiro de emprego para acondicionar un tramo da Vía Künig cando se decretou o estado de alerta. As obras están agora paradas, pero retomaranse en canto sexa posible, como avanza o rexedor, Jesús Núñez. "Retomaremos a liña que estabamos mantendo", afirma, e pensa que esta crise e o novo turismo que traerá consigo pode beneficiar tamén concellos como As Nogais ou proxectos como o itinerario xacobeo. Polo demais, a situación no municipio, sen casos de Covid-19, fai pensar nun certo optimismo de cara ao futuro. "Isto non é a apocalipse. As sociedades non se constrúen da noite á mañá. Haberá cambios, pero non rupturas", pensa.

A situación mantense tranquila no concello de Becerreá, onde o único que ve posible o alcalde, Manuel Martínez, de cara á Vía Künig é a tramitación administrativa. De momento, outras son as prioridades para que os negocios do municipio non se vexan obrigados a pechar. Espera, tamén, que desta crise o rural saia reforzado, e tamén os servizos públicos.

Coa mesma tranquilidade responde Miguel Piñeiro, rexedor de Baralla. "No rural estamos moito mellor", comenta. A súa idea é retomar, con forza, o que quedou pendente. Pero, por outro lado, el pensa que non só han ser peregrinos os que visiten estes municipios, senón que moita xente volverá e recuperará as vivendas familiares.

Da mesma opinión é Felipe Labrada, o rexedor corgués. Agora mesmo, o seu pensamento está antes nos veciños ca nos peregrinos. Sen apenas casos, pódese dicir que o virus neste caso non fixo o camiño. As medidas de prevención son, sen embargo, iguais cá nos maiores núcleos urbanos. Os establecementos están preparados e os veciños dan exemplo no uso de máscaras. Se cadra, elas tampouco han faltar na mochila dos peregrinos... cando o tempo o permita.

Os concellos da Vía Künig, á espera
Comentarios