O muíño da Proba de Navia xa é propiedade municipal. A compra, que responde a un proxecto do Concello por rehabilitar toda a contorna do río ao seu paso pola vila, formalizouse por un importe de 120.000 euros, dos cales 100.000 foron aportados grazas a un convenio coa Deputación de Lugo.
O rexedor local, José Fernández, manifestou a súa satisfacción por esta adquisición, que ten como obxectivo rehabilitar esta infraestrutura, así como tamén o banzado, a presa que se rompera cunha inundación. "Queremos facer un museo etnográfico, para o que estamos pendentes de presentar unha subvención para concorrer aos fondos europeos", indica. Neste momento, a Proba de Navia non dispón dunha sala polivalente, que dea acubillo a actividades que se poidan realizar nunha vila na que nos últimos anos ten medrado o asociacionismo e as iniciativas culturais, polo que a rehabilitación do muíño se presenta como boa oportunidade para cubrir estas carencias.
O muíño da Proba, que marca a paisaxe do río Navia na vila, foi construído a mediados do século pasado por iniciativa de quen foi durante moitos anos médico da vila. De feito, esta edificación é coñecida polos veciños como a aceña do médico, que funcionou ata o esmorecemento da cultura agraria tradicional nos anos 70. Moitos veciños aínda recordan como, nesa época, as cabalarías aínda se xuntaban para esperar a súa quenda para moer nese lugar onde tamén vivía, na parte de arriba, un muiñeiro.
O muíño da Proba, a aceña do médico, chegou a ser, de feito, unha grande industria na zona, e hoxe constitúe un dos elementos significativos da fisionomía desta vila, xunto co castelo, aínda por rehabilitar, e a ponte medieval sobre o río.