miércoles. 05.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 05.08.2020
El tiempo

Comezar os teitos polo chan

Mallega do mes de setembro. EP
Mallega do mes de setembro. EP
A asociación Teitos de Piornedo, que naceu para recuperar o colmado tradicional das pallozas cervantegas, celebra un ano de vida e un ciclo completo do cereal que as coroa, o centeo

Lucía, Carmiña, Isolina, Lola, Amelia e Ernesto son veciños de toda a vida. As súas casas —a casa de Chis, a casa do Sesto, a casa do Ancho, a casa de Roxo e a casa de Perdigón— foron, nalgún momento, pallozas, como todas as casas de Piornedo até os anos 90. Alí, agora, quedan 17. "Algunhas están fatal, outras fómolas arranxando como puidemos", comenta Lucía González, a presidenta de Teitos de Piornedo, a asociación que crearon hai pouco máis dun ano para loitar por eses teitos de centeo que, dende hai milenios, bican o ceo máis alto da provincia.

A idea de montar unha asociación agromou a partir do ano 2010, ante a finalización das axudas anuais da Xunta para a rehabilitación dos teitos. "As pallozas precisan renovar cada ano as partes nas que están máis deterioradas, como se facía tradicionalmente", indica Lucía.

Pero para manter o teito, a casa ten que comezar polo chan. Por iso, o obxectivo de Teitos de Piornedo foi recuperar o cultivo do centeo. Do centeo propio, máis resistente nos searos da montaña có que compran actualmente en Astorga, "porque non é o mesmo o centeo para gran que para palla", explica.

Sementado de centeo a pasada semana. EPE aínda que a presenza do xabarín e os efectos do cambio climático deixáronse notar nunha colleita que non foi a agardada, Teitos de Piornedo pode brindar xa polo ciclo enteiro do cereal. Sementaron, segaron, mallaron, colmaron e o sábado pasado volveron sementar.

Así que estas mulleres e Ernesto volveron darlle a Piornedo unha mallega —como se di na zona— colectiva. Os maiores participaron para lembrar e para ensinar. Os máis novos, para aprender. "Penso que as mulleres temos máis iniciativa cós homes, só que antes non podiamos manifestarnos", indica Lucía. Tamén lle deron aos teitos de Piornedo 80 colmos, que aínda non puideron colocar sobre os cangos e as ripias, porque dende outubro non parou de chover e nevar.

A asociación, impulsada por cinco mulleres e un home, celebrou a primeira mallega colectiva tras anos sen se facer

O seu obxectivo tamén é o de aprender a teitar, ese oficio que antes se practicaba en cada casa, cando o fume espantaba ratos e humidades. Este ano organizaron, en colaboración coa asociación O Teixeiro, unha xornada de teitado cun dos poucos mestres do oficio, Juan de Burbia, e o alumnado de Navia de Suarna e Cervantes.

Actualmente dispoñen de axudas do Plan Leader e dunha persoa contratada a través da Deputación de Lugo. Pero aínda non o suficiente para soster o teito. Elas asentaron o chan, pero "aínda temos que facer moito ruído", comenta Lucía.

Comezar os teitos polo chan
Comentarios