A comarca dos Ancares foi na que máis baixou o número de en xullo

A redución acadou o pasado mes o -15%, o triplo que na provincia luguesa, cun -5,2%, e que a media galega, cun -5%
 
Unha oficina de emprego. EP
photo_camera Unha oficina de emprego. EP

A comarca dos Ancares é, na provincia de Lugo, na que máis descendeu o número de persoas desempregadas en xullo con respecto ao mes anterior, segundo os datos facilitados pola Consellería de Emprego e Industria, que asigna a esta comarca os municipios de Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Baralla.

O paro aumentou sen embargo un 15% con respecto aos datos rexistrados do mesmo periodo no ano 2019

En concreto, a redución acadou o -15,61%, o que vén triplicar os niveis da provincia de Lugo, situados nun -5,20%, ou da media de Galicia, cun -5,06%. No conxunto destes municipios son 346 as persoas que pecharon o mes de xullo sen emprego, o que baixa a cifra das 410 sen emprego no mes de xuño.

Sen embargo, con respecto ao ano anterior nestas mesmas datas, o número de persoas sen emprego aumentou substancialmente nos Ancares. Se no ano pasado, segundo os mesmos datos da Consellería de Emprego, o mes de xullo pechábase con 291 persoas sen emprego, a cifra agora ascende aos 346 mencionados.

POR CONCELLOS. O descenso de persoas desempregadas foi máis acusado no concello de Becerreá, con 127 persoas en xullo con respecto ás 143 de xuño. En Cervantes pasaron de 53 en xuño a 43 en xullo; en Navia, de 30 a 27; en As Nogais, de 35 a 28; en Pedrafita do Cebreiro, de 41 a 30, e en Baralla de 108 a 91. Dende a Consellería destacan que este descenso do desemprego foi unha constante, tanto nos seis municipios dos Ancares como no resto de comarcas da provincia de Lugo.

A Ulloa está en segundo posto en descenso do paro en xullo. Á cola sitúase as comarcas da Terra Chá e da Terra de Lemos

NO 2019. Os datos son, sen embargo, negativos, comparados coas cifras do mes de xullo do 2019 en todos os concellos. En Becerreá, por exemplo, eran 102 as persoas demandantes de emprego; en Cervantes, 36; en Navia de Suarna, 24; en As Nogais, 20; en Pedrafita do Cebreiro, 22, e en Baralla 87.

OUTRAS COMARCAS. Logo dos Ancares, a comarca na que máis descendeu o número de persoas sen emprego foi A Ulloa, cun -10,86%, que supón 402 persoas en xullo con respecto ás 451 de xuño.

Esta mesma tónica deuse tamén na comarca da Fonsagrada. O número de desempregados descendeu nela de 171 no mes de xuño a 155 no mes de xullo. Ademais, na comarca os datos de xullo son semellantes aos do ano 2019, momento no que se contabilizaron un total de 149 persoas desempregadas neste mes, polo que o Concello case recupera o nivel de emprego de xullo do ano anterior.

Os peores datos son para a Terra de Lemos, onde apenas descendeu nun -1,05% o número de desempregados, de 1.713 a 1.695 persoas, e Terra Chá, cun -3,52%, de 1.677 a 1.618 persoas.

Comentarios