Coa tradición por bandeira

Desde o seu nacemento hai máis de tres décadas a asociación cultural Antaruxas e Sorteiros traballou arreo por recuperar a tradición folclórica da Fonsagrada ► O seu compromiso co pobo levounos a situar no máis alto o baile e a música típicos da montaña, cos que deleitan ao público en cada recuncho no que actúan

Un grupo de integrantes da asociación cultural Antaruxas e Sorteiros da Fonsagrada, xunto ao mestre de danza tradicional, Lis Latas (dereita). J. VÁZQUEZ
photo_camera Un grupo de integrantes da asociación cultural Antaruxas e Sorteiros da Fonsagrada, xunto ao mestre de danza tradicional, Lis Latas (dereita). J. VÁZQUEZ

É MISIÓN case imposible atopar a un fonsagradino que non teña ou tivese vinculación coa asociación cultural Antaruxas e Sorteiros. O labor deste colectivo, con máis de tres décadas de historia, foi desde sempre traballar polo seu pobo e gracias ao seu esmero lograron recuperar a tradición folclórica da comarca, que estaba en vías de desaparecer.

Hoxe en día máis dun cento de alumnos cun abanico de idades que abrangue desde os catro aos 85 anos levan o sentir da danza e das pezas tradicionais fonsagradinas alá por onde actúan, e en cada movemento transmítenlle ao público o amor polo seu municipio. "O xerme xurdiu no ano 79 como iniciativa popular, da man duns veciños que viron a necesidade de loitar por que non se perdesen as tradicións da comarca. A idea calou fondo e por iso, sete anos máis tarde, constituíuse como asociación cultural", explica Manuel Álvarez, presidente de Antaruxas e Sorteiros.

O labor de investigación etnográfica levado a cabo desde aquela polos seus integrantes foi encomiable. Lograron recuperar máis de 700 pezas musicais e o traxe típico da comarca, que algúns aínda locen hoxe en día cando teñen actuacións. "Foi unha labor complexa, minuciosa e moi delicada que levou varios anos", sinalan membros do colectivo, quen recordan como tiveron que ir porta por porta falando coa xente para salvagardar todo o que quedaba da tradición máis viva da montaña. Deste xeito lograron recuperar nun libro –Cancións de hoxe e sempre– as letras de centos de cantigas tradicionais e dixitalizaron en CDs todos os sons. Do mesmo xeito rescataron cada unha das partes orixinais que conforman a vestimenta típica da montaña e reproducíronas fielmente.

LABOR PEDAGÓXICA E SOCIAL. Outro dos piares da asociación é transmitir os usos e costumes fonsagradinos aos más cativos, para que xa desde a nenez comprendan as súas raíces e o legado folclórico fonsagradino. Así, nas clases de música e danza ás que os alumnos asisten semanalmente ten un peso moi importante o labor pedagóxico dos dous grandes mestres cos que conta o colectivo: Lis Latas Vilanova, que é o encargado do apartado de baile tradicional, e Pepe Baamonde, que dirixe a parte musical na que se inclúe a gaita ou pandeireta, entre outras disciplinas.

A tarefa de investigación etnográfica do colectivo permitu recuperar máis de 700 pezas musicais e o traxe típico da comarca

"Non tería sentido que os rapaces tocasen unha peza sen saber o trasfondo cultural que ten ou ensinarlles os pasos dun baile e que lucisen a vestimenta da zona sen comprender que é o que hai detrás", explican os docentes, que forman parte de Antaruxas prácticamente desde o seu nacemento.

O colectivo converteuse así nunha gran familia que loita día a día para que os costumes da comarca non morran. "A asociación naceu na Fonsagrada e é propiedade do pobo. É como unha nai e un fillo que se manteñen unidos polo cordón umbilical", precisa o presidente.

Desde avós ata netos da mesma familia pasaron polas aulas da asociación. "Podemos dicir con orgullo que conseguimos recuperar o folclore tradicional. Isto nótase na afluencia de alumnos que veñen ás clases e tamén no interese dos rapaces polo baile, a gaita e a pandeireta desde que apenas aprenden a andar", remarca Manuel Álvarez, quen engade que todo en Antaruxas é tradición, "pois ata o nome foi escollido para preservar os contos populares. Antaruxas refírese ás lendas de meigas e bruxas e sorteiros ás persoas que se dedican a botar as cartas e aos xogos de azar", explica.

O compromiso da entidade coa Fonsagrada ten tamén unha vertente social, pois colaboran coas distintas actividades que organiza o Concello para todas as idades. "Temos un compromiso co goberno local, eles cedéronnos o sitio no que ensaiamos e nós axudámoslles en todas as iniciativas que se levan a cabo", di Álvarez. Deste xeito colaboran coa organización da Cabalgata de Reis, co Entroido, coas festas e en todos os actos que se levan a cabo na vila.

ÉXITO INTERNACIONAL. Os membros de Antaruxas levan o folclore no sangue e deleitan o público coas pezas fonsagradinas, pero tamén doutros puntos de Galicia, alá por onde actúan. Desde xeito amenizan as festividades da contorna e fan intercambios culturais con grupos doutras comunidades e países. Como resultado destes encontros celébrase cada ano a Mostra Folclórica Internacional, que en 2018 cumpre a XXI edición e se levará a cabo a segunda fin de semana de agosto.

Como consecuencia de todo este traballo levado a cabo, a asociación cultural Antaruxas e Sorteiros está considerada como unha das agrupacións que mellor lograron conservar a idiosincrasia do pobo fonsagradino.

Comentarios