lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

Cinema de premio feito na escola

O alumnado do CPI Uxío Novoneyra, nunha das xornadas de gravación. EP
O alumnado do CPI Uxío Novoneyra, nunha das xornadas de gravación. EP

O CPI Uxío Novoneyra vén de recibir o galardón Proxecta de innovación educativa por mostrar cunha cámara como é o mundo en Pedrafita coa película 'Dende o noso'

"Os nosos pais e os nosos avós foron ás escolas das nosas aldeas: Louzarela, Busnullán, Rabaceira, San Martín, O Cebreiro, Hospital da Condesa, Brañas, San Pedro, Liñares, Villarín, Villadete, Pitiñidoira. Xa non queda ningunha". Esta é a voz en off coa que comeza a película Dende o noso, realizada o curso pasado polo alumnado do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro a través do programa Cinema en Curso, que este venres recibiu o segundo premio Proxecta de innovación educativa, entregado pola Consellería de Educación.

O comezo é significativo para unha película rodada dende a única escola do municipio, e que defende a súa actividade fronte á despoboación do rural. Foi esta "protección do patrimonio máis próximo" o que a Xunta valorou na entrega do galardón, segundo indicou a conselleira, Carmen Pomar. Non obstante, non foi o primeiro. Xa no mes de febreiro recolleron un premio a nivel estatal, entregado pola Fundación Gredos San Diego, que tamén valorou o esforzo por ollar e gardar a contorna con mirada cinematográfica "nun produto de alta calidade estética e valor etnográfico", repasou este venres a conselleira.

A neve, os oficios, os cambios de estación, a memoria oral dos veciños. Os 17 alumnos participantes, de 4º de primaria a 4º de Eso, fixeron do cinema unha materia máis do seu currículo ao longo dun curso escolar. Viron moitas películas. Madrugaron para gravar o mencer dende as ventás da casa co seu móbil, ou aprenderon a utilizar unha cámara profesional da man dun cineasta —Marcos López— para facer dos seus percorridos habituais travellings cinematográficos. Fixeron da espera unha arte para lograr os mellores planos. E tamén defenderon o seu produto final nas presentacións que se levaron a cabo na Cineteca de Madrid, na Filmoteca de Galicia ou no propio centro.

O filme tamén foi recoñecido cun galardón estatal e visionado na Cineteca de Madrid e na Filmoteca de Galicia

"Un proxecto coma este sobrepasa o espazo das aulas, e transforma a relación co alumnado. Non hai timbre que soe, e a aula pode ser unha corte ou unha casa", indica a directora do centro, Rocío Méndez, que onte recolleu o premio. A función pedagóxica do cinema está clara para ela, aínda que non sexa medible. "A aprendizaxe vese no día a día, pero non nun exame, cos estándares aos que estamos afeitos", indica.

APRENDER FACENDO CINE. Cos 4.000 euros que recibiron como premio do Plan Proxecta, prepararon o comedor como salón de actos para facer a presentación da película en Pedrafita do Cebreiro, ante a ollada curiosa de familiares e veciños, e compraron cámaras de vídeo. "O importe do premio ten que ir destinado ao propio proxecto. Aínda que este ano xa non participamos en Cinema en Curso, a idea é aproveitar todo o potencial da experiencia do cine", comenta Méndez.

Para iso, seguen en contacto cos organizadores deste programa internacional creado pola asociación catalana A Bao A Qu, e que en Galicia se coordina dende o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) a través do Plan Proxecta. Euskadi, Madrid, Cataluña, Arxentina, Chile e Alemaña son outros dos lugares participantes nesta iniciativa que pon en contacto ao alumnado dos centros nas presentacións ou na páxina web www.cinemaencurs.org, onde se poden ver todas as películas, tamén Dende o noso.

Cinema de premio feito na escola
Comentarios