A CHMS asume a mellora do saneamento do Cebreiro

A entidade investirá 670.000 euros nas actuacións. Pola súa parte, o Concello aportará 134.000 euros para a construción dunha nova Edar
José Luis Raposo y José Antonio Quiroga.    EP
photo_camera José Luis Raposo y José Antonio Quiroga. EP

 A Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) mellorará o sistema de saneamento do núcleo do Cebreiro no municipio lucense de Pedrafita. Estas actuacións supoñen unha inversión estimada de 670.000 euros, sufragada na súa totalidade polo Estado, mentres que o Concello asumirá os 134.000 euros precisos para a cración dunha nova Edar.

José Antonio Quiroga, presidente do organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e José Luis Raposo, alcalde do municipio, rubricaron onte o convenio de colaboración que determina as condicións para a financiación, execución e posterior entrega das obras de rehabilitación do sistema de saneamento no núcleo do Cebreiro.

As obras consistirán na transformación do actual sistema de saneamento unitario nun separativo, de tal maneira que as augas residuais sexan conducidas á Edar e as pluviais vertidas directamente ao medio natural.

"O valor patrimonial deste lugar obriga á utilización de materiais autóctonos que se integren na beleza e características peculiares dunha zona ateigada de lendas, tradicións, natureza, cultura e historia", segundo manifestou Quiroga.

Na actualidade, O Cebreiro dispón dun sistema de saneamento de funcionamento unitario, que mestura os dous tipos de augas -pluviais e residuais- e que é o máis común en núcleos de poboación aillados. A súa problemática reside en que o exceso de caudal en tempo de choiva xera un funcionamento incorrecto no sistema de depuración.

O presente convenio ten por obxecto a redacción do proxecto e execución das obras.

Comentarios