José Luis Regueiro: "Chego con humildade, con ganas de traballar e tamén de aprender"

Este fonsagradino de 36 anos, que en 2019 foi candidato á alcaldía da súa localidade natal, regresa á primeira liña política e desde este martes é novo deputado do Parlamento galego, onde substitúe no grupo popular o exvicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde
José Luis Regueiro. PEPE FERRÍN
photo_camera José Luis Regueiro. PEPE FERRÍN

José luis Regueiro Fernández (A Fonsagrada, 3 abril de 1987) retorna á primeira liña da actividade pública, despois dunha controvertida carreira política que o levou de gañar na súa localidade as eleccións de 2019 —aínda que un posterior acordo entre PSOE e BNG o relegaría a portavoz do PP na oposición— a decidir non presentarse como candidato en 2023, alegando "motivos persoais".

No seu día decidiu afastarse da política, como asume agora o seu regreso á primeira liña?
A política local deume moitas satisfaccións, como gañar unhas eleccións para o PP nun feudo tradicionalmente socialista, aínda que debido a cuestións persoais dun determinado momento decidín non presentarme como candidato en 2023. Agora esa situación cambiou e creo que podo desempeñar plenamente a miña actividade pública. En calquera caso creo que isto non é un regreso á política, xa que en realidade nunca me fun. Esta actividade gustame moitísimo e pódese desempeñar desde moi diversos ámbitos.

Que agora chegue ao Parlamento galego como deputado non deixa de ser, con todo, unha sorpresa.
A verdade é que foi un pouco sorpresa mesmo para min. O caso é que os cambios que provocaron as eleccións municipais e a convocatoria das xerais motivaron movementos como a marcha do exvicepresidente da Xunta Francisco Conde a Madrid, para encabezar a lista do PP ao Congreso; logo estivo a chegada á alcaldía de Ribadeo de Daniel Vega e o nomeamento da vilalbesa Sandra Vázquez como secretaria xeral de Igualdade. Todo isto fixo que a lista do Parlamento fose correndo e ao final tocoume.

Ter a posibilidade de defender os intereses dos fonsagradinos, dos lucenses e dos galegos é, desde logo, unha honra

Como asume o seu novo papel?
Chego ao Parlamento con humildade e con moitas ganas de formarme e aprender. A min napolítica sempre me gustou facer as cousas ben e que as decisións que se tomen repercutan no benestar da sociedade. Eses son os meus obxectivos. Creo que non nos se dicimos que é o primeiro fonsagradino que chega ao Pazo do Hórreo. Nestes momentos non teño constancia de ningún outro, o que é outra razón de orgullo para min. Ter a posibilidade de poder defender desde o Parlamento os intereses dos fonsagradinos, dos lucenses e dos galegos é, desde logo, toda unha honra.

Supoño que para vostede sería un día cheo de emocións, como o acolleron dentro do seu grupo político?
A verdade é que foi un día moi intenso, pero no que tamén me sentín moi arroupado polos meus compañeiros. Estou moi contento porque ademais da súa calidade humana, vou traballar con persoas moi preparadas das que creo vou aprender moito. Agora só podo dicir que estou ao dispor de todo o grupo, disposto a realizar as responsabilidades que me encomenden e co ánimo de coller experiencia e formarme.

A nivel persoal, tamén recibiría felicitacións moi especiais.
As que máis me chegaron son as da miña familia, os meus pais, a miña parella, os meus fillos, que me acompañaron en todo momento. Tamén de numerosos amigos e veciños que non deixaron de felicitarme por distintos medios e aos que tentarei ir respondendo individualmente nos próximos días. equivocamos.

Técnico en emerxencias e socio dunha correduría e dunha funeraria

José Luis Regueiro Fernández é licenciado en Administración e Dirección de Empresas e técnico en Emerxencias Sanitarias con certificado de profesionalidade para a docencia de formación profesional para o emprego. Na actualidade, é responsable de formación e técnico en emerxencias sanitarias, ademais de socio e administrador dunha correduría de seguros e dunha empresa de servizos funerarios.

O alcalde da Fonsagrada, o socialista Carlos López, non dubidou en arroupalo, pese á diferenza de siglas políticas, na súa estrea como deputado autonómico en Santiago.

Comentarios