martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

O cereal de culto no Cebreiro

Colaboradores da asociación Santo Grial. EP
Colaboradores da asociación Santo Grial. EP
A asociación Santo Grial sega cada ano varias searas de centeo para teitar hórreos e pallozas. Para o seu presidente, José María Núñez, o pan ben merecía na Montaña un deus propio

José María Núñez bota, cada ano, varias searas de pan nos montes do Cebreiro. "Mentres viva e poida facelo, botarei pan". El é o presidente da Asociación Santo Grial, que reparte colmos de centeo por todo ese territorio de hórreos e pallozas que se estende de Negueira de Muñiz a Baralla.

"Moito se perdeu co monoteísmo, perdemos os deuses especializados", bromea en serio, e fala de Ceres, a divinidade romana do cereal ou dese xesto que aínda pervive de darlle un bico ao pan que cae no chan. "É que para nós o pan é sagrado, se nos quitan o pan quítannos toda unha cultura e forma de subsistencia", indica.

A asociación que preside constituíuse no ano 1986, e dende o 1995 cultiva centeo todos os anos que despois doa, de xeito desinteresado, a aquelas persoas que o precisan para teitar, e tamén para os integrantes da entidade no Cebreiro. Algún colmo chegou a outros puntos do país, como Santa Tegra, na Guarda, e algún incluso a Portugal, aínda que non deixa de ser anecdótico.

José María Núñez di que se lembra mellor de como se botaba o pan antano que do que fixo onte pola tarde, das medas de 20 ou 30 carros, e das contas ben feitas: por cada carro, 200 ou 300 mollos. A memoria, que ás veces é como esta planta que, cando neva, crece cara abaixo. "Realmente é unha cousa incrible, o centeo", conta, namorado.

Namorado de, cando era neno, prender a finais de agosto o encendedallo, unha capa de xesta, piorno e uz cuxas cinsas servían de potente fertilizante. "Demoraba unha semana en arder, era impresionante", conta. O encendedallo botábase enriba do torrón seco, esa capa superficial do monte que volteaban coa cambela -un arado dunha soa peza levado por unha parella de bois ou vacas- e a aixada no mes de xuño, e que logo de días de secar -tiña que estar todo seco para o San Pedro- amontoaban en montículos para as queimas. Iso é o pan de cavada, pero tamén había o pan de camiñeiro, que se facía queimando de xeito controlado unha touza, un monte de uces, xestas ou piornos, "sempre na dirección contraria ao vento", indica.

Así chegaba setembro, "o mes do pan", para sementar, e que o gran non caese moi fondo pero tampouco quedase a bico de paxaro. Coa técnica das queimas controladas "o centeo apoderábase de todo, e dáballe á palla unha cor roxa característica", conta. Técnica hoxe imposible: "antes gobernábase de abaixo arriba, agora é ao revés". Iso si, o pan do Cebreiro, con bertolina e sen lume, segue sendo duro coma o seu clima.

Coas limitacións agora marcadas pola situación sanitaria, a asociación está aberta á colaboración de persoas que boten unha man nas tarefas do cultivo -labrar, sembrar, segar, escolmar...- que, na medida do posible, teñen como compensación levar consigo algo do cereal. Nestes días estiveron segando e xa facendo un primeiro esburgado da palla. Inda que non celebran malla, gardan o gran para o propio cultivo.

José María tense por escolmador. O seu cometido acaba co atado dos mollos, con trenzas de vimbio ou varas de abraira, ou mesmo cunha corda ou brincallo de centeo "para que colla a forma e non se esboroalle, para que a palla vaia incólume ao teito e a auga esbare ben por ela", di. "Non merece acaso un deus o pan?", pregunta.

O cereal de culto no Cebreiro
Comentarios